Miguel Bosé, José Manuel Soto e Uxía no «Luar» desta noite

Gayoso_LuarO programa “Luar” (22.05 horas) conta este venres cun cartel de convidados de auténtico luxo. En primeiro lugar, o espazo da TVG recibirá a visita de Miguel Bosé, que regresa aos escenarios co seu novo disco, “Amo”, que vén marcado pola súa nova situación sentimental, libre de ataduras románticas, o seu amor polo coñecemento e a súa indignación coa situación de España.

Tamén pasará hoxe polo “Luar” o cantante José Manuel Soto, un dos maiores expoñentes da canción lixeira con aires de rumba de finais dos anos 80 e 90. O artista andaluz debutou en 1984 e desde entón publicou 18 discos e ofreceu máis dun milleiro de concertos.

 

MÚSICA GALEGA

Os espectadores tamén se poderán achegar ao primeiro disco conxunto de Uxía e Narf, dous grandes da música galega que funden os seus repertorios nun espectáculo conxunto, man a man. “Baladas da Galiza imaxinaria” é un proxecto que nace do talento e da sensibilidade de dous artistas que en cada balada lles abren portas e ventás aos corazóns inquedos e aventureiros.

Ademais, o espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Lucía Regueiro ofrecerá as actuacións da cantante galega Pili Pampín, da Agrupación Folclórica Trébede, do Grupo Mareira, da Banda de Gaitas de Calo e do Coro Encaixe, unha das formacións que participan no concurso “Oh Happy Day”.

Pero, sen dúbida, un dos momentos cumio do programa desta noite, en que os espectadores poderán sabelo todo sobre os ovos galegos, será o concurso “Recantos”, en que se decidirá o segundo aspirante que acompañará a Luci na gran final da semana que vén. David Veiga, procedente de Lugo Sur; e Pablo Couto, representante da comarca do Miño, enfróntanse hoxe nun emocionante duelo.

Ademais, “Luar” presentará algúns dos aspirantes seleccionados para a próxima edición do “Vai de Gaita” infantil e descolgará novamente o teléfono co concurso da chamada, esta semana con 2.000 euros acumulados no bote.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar