Sánchez Izquierdo afirma que a CRTVG segue a ser a referencia informativa dos galegos

Sánchez Izquierdo_comparecencia Parlamento

 

O director xeral da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo, manifestou hoxe que o ente público “segue a cumprir co fito de ser referencia informativa e de entretemento dos galegos a pesar das múltiples transformacións que o sector audiovisual viviu nos últimos anos”, e salientou que o ente rematou o exercicio de 2014 cunha estrutura financeira saneada na que xa non existe endebedamento bancario, mentres se xestionaron uns recursos inferiores en 47 millóns de euros aos que se dispuñan no momento en que tomou posesión en 2009.

Sánchez Izquierdo fixo estas observacións na Comisión de Control do Parlamento de Galicia, na que compareceu para presentar o Informe de Servizo Público da CRTVG en 2014, en que a Televisión de Galicia rexistrou unha cota de pantalla media de 10%, ao que se suma o 0,8% da tvG2, e a Radio Galega estivo preto dos seus máximos históricos de audiencia, con 181.000 oíntes.

 

RECOÑECEMENTO NO ÁMBITO EUROPEO

O director xeral salientou que o labor da CRTVG está a ser recoñecido no ámbito europeo polo seu impulso ao sector audiovisual galego, como se recolle en informes de Circom e máis recentemente do Observatorio Audiovisual Europeo. Tamén lembrou que a Televisión de Galicia “converteuse en impulsora da primeira coprodución dunha serie de ficción polo conxunto das televisións autonómicas, O Faro, que acadou un premio da Academia española de Televisión e da que o resultado de audiencia foi máis que excelente e permitiu a súa continuidade por varias temporadas”.

Do mesmo xeito, mencionou que se produciron por primeira vez programas para emisión simultánea en directo en Galicia e Portugal, a través de acordos entre as televisións publicas TVG e RTP, as cales “chegaron a contactar nos dous territorios con máis de dous millóns de persoas en cada caso”. Tamén fixo mencións a dúas series cunha “importante repercusión na comunidade, como foron Serramoura e Pazo de Familia”. “A liña de traballo en programación de TVG –explicou— é unha combinación de imaxinación e baixo custo para soster a grella durante 2014 nuns orzamentos posibles e con vocación de servizo público”.

 

ALTA COTA DOS INFORMATIVOS

En canto aos informativos, o dato máis destacado foi a cota media de pantalla acadada na faixa que vai entre as 13.45 e as 15.30 h., do que forma parte o Telexornal Mediodía, e que se situou no 25,7% ao longo de 2014. A área de deportes, pola súa parte, ofreceu 29 horas de programación nas fins de semana, das que ata 15 foron en directo. En total, a produción propia interna ocupou o 54% da primeira canle e a propia externa, desenvolvida pola industria audiovisual galega subiu tres puntos, ata o 28%, en tanto que a produción allea baixou dous puntos ata o 18%.

O ano pasado a segunda canle continuou a aumentar a súa oferta de animación dentro das posibilidades orzamentarias, chegando ás 70 horas semanais de animación en galego para o público infantil.
Respecto á Radio Galega, Sánchez Izquierdo puxo de relevo que “cumpriu o obxectivo de ofrecerlles aos seus oíntes unha oferta diferenciada, próxima e equilibrada, pegada á realidade, dándolle voz a todos os colectivos sociais, económicos, políticos e culturais”.

E a web da CRTVG consolidouse como o primeiro medio de comunicación en liña en galego, con 10,9 millóns de visitas e 27,2 millóns de páxinas vistas, mentres que a aplicación da CRTVG estaba instalada en 40.000 dispositivos móbiles. Mediante o seu sistema de integración vertical de diversas redaccións e áreas da CRTVG como contribuíntes deste servizo, a web corporativa é o grande escaparate de Galicia en internet. A elo únese o lanzamento dunha nova canle temática, vivea.gal, convertida en proxecto transmedia que reinventa o concepto das guías de lecer tradicionais.

No eido da responsabilidade social corporativa, Sánchez Izquierdo indicou entre outros datos que a CRTVG mantén unha conversa directa cunhas 120.000 persoas ao ano a través de chamadas, visitas, redes sociais e o servizo de atención ao público.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar