174 descendentes de emigrantes convivirán en Galicia con outros mozos

Conecta con Galicia_chegada a Alvedro_Miranda
Miranda recibe aos expedicionarios no aeroporto de Alvedro.

 

Os primeiros participantes da edición deste ano do programa da Campaña de Verán ‘Conecta con Galicia’, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de galegos e que residan no Exterior, aterraron esta mañá nos aeroportos da Coruña e Santiago. No primeiro deles, foron recibidos polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e maila delegada da Xunta na Coruña, Belén Do Campo; e no compostelán, Miranda estivo acompañado pola subdirectora xeral do Instituto da Xuventude de Galicia, María Mosteiro.

Trátase dunha iniciativa da propia Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, pola que se pretende que este colectivo teña oportunidade de coñecer de primeira man a realidade galega, e atoparse cos seus familiares da outra beira do Atlántico no marco da Campaña de Verán da Consellería de Traballo e Benestar.

O programa ten como obxectivo fortalecer esas ligazóns que relacionan a estes mozas e mozos coa terra dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.

 

Conecta con Galicia_chegada a Lavacolla
Chegada de outro grupo a Lavacolla.

Así, o programa permite que 174 descendentes de cidadáns galegos podan coñecer a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles acheguen as actividades previstas, e sobre todo da convivencia persoal e humana cos seus coetáneos desta parte do océano, pois a estadía realízase conxuntamente cun colectivo de rapaces e rapazas residentes na Galicia territorial.

 

Actividades de aire libre

‘Conecta con Galicia’ desenvolvese en dúas modalidades. A primeira delas son actividades de aire libre, modalidade da que se beneficiarán 155 mozos e mozas galegos residentes fóra de Galicia, distribuídos en dous grupos de idade, de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos. Compartirán con mozos e mozas residentes en Galicia, en dúas quendas de doce días, do 1 ao 12 de xullo e do 15 ao 26 de xullo, as residencias e albergues xuvenís situados en Galicia e dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar.

 

Nestas instalacións  realizarán dúas actividades, de seis días cada unha. Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, os participantes aloxaranse nas residencias xuvenís Lug II de Lugo, e Florentino López Cuevillas de Ourense, onde participarán en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorrerán o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvólvese baixo o paraugas do epígrafe “O mar de Galicia” no albergue xuvenil de Gandarío en Bergondo (A Coruña) onde realizarán actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.

 

Campos de traballo

A segunda modalidade son os campos de traballo, da que se benefician 20 mozas e mozos da diáspora, que durante a súa estadía conviven tamén con compañeiros residentes na Comunidade Autónoma. É unha modalidade concibida para participantes con idade comprendidas entre os 20 e 30 anos, na que desenvolven actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da cultura galega, da mellora ambiental da contorna, e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico.

 

Con carácter previo á realización da viaxe a Galicia, os mozos e mozas seleccionados, tanto nunha modalidade como na outra, asistiron a sesións informativas nos seus países de orixe, especificamente encamiñadas ao coñecemento da realidade galega en xeral e das actividades a desenvolver no programa en particular.

 

Tamén foron informados das súas obrigas respecto do cumprimento do réxime interno das residencias ou albergues en que serán  aloxados. Precisamente, na súa viaxe a Arxentina e Uruguai da pasada semana, Rodríguez Miranda tivo ocasión de compartir con eles unha desas xuntanzas preparatorias.

 

Países

Na edición deste ano 2015, un total de 89 participantes no programa proceden da Arxentina (81 para actividades ao aire libre, e 8 para campos de traballo), 43 do Uruguai (37 e 6), 22 de Venezuela (20 e 2), 10 de Brasil (8 e 2), 9 de Cuba (7 e 2), e 1 de Perú (beneficiario das actividades ao aire libre).

 

Campaña de Verán

No seu conxunto, a Campaña de verán da Consellería de Traballo e Benestar ofertará este ano un total de 8.530 prazas, un 3,2 por cento máis que en 2014. As actividades, que se prolongarán ao longo do verán, favorecerán tamén a contratación de máis de 900 monitores e directores de campamentos, que son na súa maioría xente nova.

 

A Xunta inviste 2,4 millóns de euros en desenvolver esta campaña, que inclúe: campamentos para menores de entre 9 e 17 anos, oferta concertada, campos de traballo para maiores de idade, e actividades para maiores de 18 anos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar