A Deputación de Ourense impulsa o «Start Up» para fomentar o emprendemento

Sapain Starup_Deputación Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou  no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» a Xornada Star-up «A aventura de emprender», na que se analizaron experiencias de empredemento, modelos de negocio, mercado e marketing. O presidente do goberno provincial estivo acompañado por María Benjumea, fundadora e presidenta de «Spain Starup», e por Antonio Villaverde, vicepresidente da Cámara de Comercio de Ourense.

María Benjumea, creadora e impulsora do maior foro mundial de investidores e emprendedores, o «Spain Startup The South Summit», que se celebra en Madrid, destacou o papel que está a xogar a Deputación de Ourense no ámbito da innovación e de modernidade na xestión, afirmando que os proxectos que está a desenvolver nos ámbitos da administración electrónica, o medio ambiente, a competitividade e ou mesmo a cooperación cos concellos «é un exemplo de innovación que debería trasladarse a outras deputacións de España».

Benjumea, que na pasada edición do «Spain Startup The South Summit» reuniu a 7.000 persoas de 34 nacionalidades, das cales máis de 2.000 eran empresas e investidores que coñeceron as ideas de 3.500 emprendedores, subliñou que «o marcado carácter innovador que está a demostrar a Deputación de Ourense é unha boa proba de que os políticos e as institucións deben achegarse cada vez máis á innovación, en favor dunha maior eficiencia da xestión a prol dos cidadáns».

Pola súa banda, o presidente do goberno provincial inaugurou a xornada afirmando que Ourense «destaca pola súa cultura e tradición do emprendemento, orixinada na nosa razón de ser como pobo emigrante, traballador e creativo». Manuel Baltar agradeceu a María Benjumea a súa presenza neste encontro de emprendedores «porque ela é o vivo exemplo de como crear proxectos e crer neles, unha filosofía que encaixa perfectamente na liña estratéxica da Deputación de apoio á competitividade e ao talento en Ourense, unha provincia que é modelo de emprendedores en moitos de ámbitos, entre os que destacan o deseño textil, a industria da automoción e o cooperativismo no sector agroalimentario».

Tamén se referiu á importancia de combinar emprendemento e innovación o vicepresidente da Cámara de Comercio, Antonio Villaverde, ao afirmar que son claves «para o desenvolvemento nos novos ámbitos empresariais». Villaverde destacou a colaboración entre o Inorde, a Cámara e a Fundación Incyde, «que fixo posible levar a cabo na provincia de Ourense tres programas de creación e consolidación de empresas nos que se impulsaron 80 proxectos».

«A aventura de emprender»

A xornada de hoxe, organizada pola Deputación de Ourense a través do Inorde e a Fundación Incyde, coa colaboración de «Spain Startup» e da Cámara de Ourense, tivo como obxectivo reunir a empresarios e emprendedores ourensáns vinculados ao mundo da innovación e a creatividade aplicada aos negocios para que contasen as súas experiencias e analizaran a situación actual, ofrecendo claves para converter ideas en proxectos reais.

O encontro comezou cunha «conversación inspiracional» baixo o título de «Como volver emprender e non morrer no intento?», a cargo de María Benjumea e Miguel Caballero, fundador de Tutellus. María Benjumea animou tamén ás startups ourensás a participar no próximo South Summit, que terá lugar na praza de touros das Vendas (Madrid) os días 7,8 e 9 de outubro. Este encontro reunirá nun mesmo escenario aos principais fondos de investimento internacionais e ás corporacións máis innovadoras. Posteriormente, desenvolvéronse relatorios sobre emprendemento e nnovación, e un taller que analizou o tema: «Do deseño do modelo de negocio ao seu desenvolvemento no mercado; o go-to-market strategy», a cargo de Marcos Eguillor, Profesor do IE Business School e experto en negocio dixital.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar