A TVG estrea esta noite un novo programa de cociña e repostaría

image

​A Televisión de Galicia estrea este martes “A vida é doce”, un programa de repostaría e ficción que contaxiará a paixón polos doces e que amosará a Galicia máis lambona. Esta nova aposta da canle autonómica é unha produción de Zenit Televisión e El Progreso, con produción executiva de Zaza Ceballos e dirección de Yolanda del Campo.

​Gloria Mascuñana encargarase de conducir este colorista espazo arredor do mundo da repostaría. Ela cociñará os máis deliciosos pasteis e ensinaralles aos espectadores a ver a vida dende o punto de vista máis doce e alegre.

​Cupcakes, muffins, brownies… son palabras que forman parte da nova repostaría e que conviven perfectamente co chocolate con churros de toda a vida. En “A vida é doce” Gloria ensinará a diferencialos, a cociñalos e a darlles un toque visual que os converterá nunhas sobremesas irresistibles. O caso é non ter nunca as mans quietas, xa sexa preparando pasteis ou confeccionando as manualidades máis orixinais para decorar a casa ou facer un agasallo cun toque persoal. Da man de Gloria e da súa amiga Llou, os espectadores redescubrirán ademais as pastelarías, docerías e mercados de maior encanto na procura de ingredientes e ideas.

​“A vida é doce” é moito máis que un espazo de cociña. En cada programa hai unha trama de ficción que vertebra o argumento, xa sexan os antollos dunha amiga embarazada, unha visita imprevista ou un aniversario… Sempre hai unha escusa para lanzarse á cociña, visitar un amigo pasteleiro ou perderse pola cidade e ver a vida dende o punto de vista máis doce.​

Concurso agridoce
​No primeiro programa, Gloria sospeita que a súa amiga LLou non é quen di ser. Polo visto, ten gañado algún concurso de repostaría, aínda que nunca a viu cociñar. Convócase unha nova edición do certame e ambas as dúas queren gañalo. Para iso, Gloria cociñará un pastel red velvet e uns pauciños de chocolate. Llou, pola súa parte, visitará o espazo cultural Monty Ambigú, a tenda de repostería El mundo rosita e fará un obradoiro no Como Molo. Quen gañará o trofeo este ano?

CASAMOS!
​En plena temporada de vodas, a Televisión de Galicia recupera esta noite o programa “Casamos!”, que comeza unha nova temporada cos enlaces máis románticos, divertidos, curiosos e entrañables. Como é habitual, en cada unha das novas entregas, os espectadores verán a ilusión de moitas parellas de noivos que deciden celebrar o seu casamento, as particularidades de cada noivado, as declaracións de amor máis románticas, os nervios dos preparativos nupciais e as opinións e desexos de amigos e familiares.

​Os protagonistas desta primeira entrega da nova temporada serán Cati e Gonzalo, que se atoparon de casualidade hai cinco anos. A insistencia de Gonzalo fixo posible que a relación avanzase e, ao pouco de coñecérense, el deixou A Coruña para vivir en Carballo con ela.

​A parella permaneceu xunta nos bos e nos malos momentos e a súa unión consolidouse co nacemento da pequena Claudia. Como en todas as decisións importantes, o de casar foi cousa de Cati e unha vez máis Gonzalo deixouse levar. Falta moi pouco para o gran día e a incansable Cati encárgase de ultimar todos os preparativos. A súa será unha voda chega de grandes emocións, como poderán comprobar os espectadores da TVG.

A REVISTA
A Televisión de Galicia presenta un novo espazo gastronómico na súa grella. Hoxe estréase o programa “A vida é Doce”, un lugar onde os espectadores poderán ver repostería e ficción ao mesmo tempo e pretende amosar a Galicia máis lambona. As súas presentadoras, Gloria Mascuñana e Yolanda del Campo estarán con Sevi Martínez para facer un pequeno adianto do que se verá no seu primeiro programa desta noite.

O outro invitado de “A Revista” será Javier Picón, un supervivente do terremoto que asolou ao Nepal. Picón estaba a celebrar as súas vodas de prata xunto coa súa muller cando aconteceu todo e hoxe estará no programa para falar da súa experiencia reflectida nun libro que ten pensado sacar para recadar fondos para axudar aos afectados pola catástrofe.

E xa na rúa, os equipos de directos trasladaranse cara a Vimianzo, onde esta fin de semana farase o tradicional Asalto ao Castelo e “A Revista” estará nun obradoiro en que rapaces e rapazas fabricarán traxes medievais e adornos para levar postos durante o asalto. Outro punto de directo será a cidade de Vigo. Na Afundación estanse a levar a cabo diversos obradoiros científicos baixo o nome de “Experimentando”. Nesta ocasión, os espectadores da Televisión de Galicia poderán acudir ao obradoiro “Pintar, sementar e recortar”, onde os máis cativos farán unha árbore xenealóxica con cartón e lapis de cores.

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar