Cambalache eólico

Que impaís!, arremedo a Xavier Alcalá. Permítanme mostrar así a miña perplexidade polo que pasou estes días en Galiza e non pasou nada, nin sequera fomos quen de quentarnos nas redes sociais, atarefados en comentar os chistes de mal gusto dun concelleiro madrileño. «Patético», diría o exvicepresidente Anxo Quintana.

O Tribunal Supremo ven de sentenciar que o Concurso Eólico promovido polo BNG desde o Goberno hai agora dez anos era perfectamente legal a todos os efectos e sen rastro de dúbida. En consecuencia, falla que o decreto lei promulgado por Núñez Feixó anulando este Concurso representou unha «desviación de poder», creando «inseguridade xurídica».

O «cambalache eólico», como o cualificou Feixó, foi a principal baza do PP contra o BNG naquela campaña electoral e a panca que lles fixo gañar as eleccións.

Os nacionalistas non só foron desprevidos da súa virxindade, senón que eran violados un día si e outro tamén desde as páxinas de certos medios de comunicación tanto galegos coma madrileños, que agora calan coma petos, coa trécola da «ilegalidade».

Feixó, o amigo do narcotraficante Marcial Dorado, mesmo acusou a Anxo Quinta de «frecuentar compañías nada recomendábeis» por reunise cun empresario ao que nunca se lle puxo tacha nin antes nin despois. Esta utilización política dunha montaxe e o atentado contra a fama merecida das persoas, xa debería ter levado a Feixó a dar unha explicación con desculpa pública, seguida da súa dimisión.

Dimisión irrenunciábel polas nefastas consecuencias que esta medida do Goberno do PP tivo para Galiza e aínda as que han de chegar. En primeiro lugar, esa «desviación de poder» levou a que perdésemos máis de dez mil postos de traballo, centos de millóns de investimento e que, de ser líderes na enerxía eólica, quedásemos relegados ao cuarto lugar do estado.

O noso sector eólico quedou ancorado (cero megavatios no 2014), entre outras razóns, porque as empresas concesionarias perderon centos de millóns en axudas ao mudar a lei. Agora, moitos parque programados xa non son rendíbeis.

Pero a sentenza espalanca o camiño para que as empresas prexudicadas pola anulación gañen unhas demandas que poden ser máis gravosas para os petos dos galegos que o «rescate» das nosas caixas de aforros. Porque estas empresas non reclaman (a demanda xa foi presentada cando a anulación) só os gastos rexistrados pola confección do plano empresarial e tramitación da concesión, senón que piden o pagamento do «lucro cesante» por todos os anos nos que estaría en vigor a concesión.

Pero, «conseguido o efecto político, cando haxa que pagar, xa nós non estaremos aquí», retrucoulle daquela un dirixente do PP a un empresario. Impaís!

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar