Plan de impulso ao comercio galego

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello que o novo Plan de impulso ao comercio, dotado con 70 millóns de euros, permitirá completar a renovación do sector comercial, impulsar o comercio electrónico e potenciar a excelencia como rasgo diferenciado do comercio galego.

Así, grazas este Plan, incrementarase nun 15 por cento a cifra de emprendedores que traballan no sector, ata chegar a máis de 60.000 no ano 2020, recuperándose así o número que había ao inicio da crise económica; triplicarase a porcentaxe de empresas de menos de dez empregados que vendan en Internet, alcanzando un 14 por cento dos pequenos comercios que sexan capaces de estar na rede; e incrementarase nun 10 por cento o número de comercios que se asocien para competir, chegando á cifra de 20.000.

Medidas para impulsar o comercio en época de transición

Como lembrou Feijóo, a Xunta leva impulsado distintas medidas de apoio ao comercio. Así, no que vai de ano, lévanse destinados xa 10 millóns de euros a programas centrados en aspectos como a comercioinnovación, o relevo xeracional no comercio ou o impulso ás prazas de abastos.

Segundo o titular da Xunta, “somos conscientes de que todas estas medidas deben de incardinarse nunha planificación actualizada que nos permita acompañar o sector na transición”. Así, como engadiu Feijóo, agora pásase “do plan que estivo vixente na pasada lexislatura pensado para un tempo de crise a un plan pensando para un tempo de recuperación, que é o que se está abrindo na economía galega”.

O mandatario galego fixo fincapé en que o Plan está traballado co sector e está “elaborado con medidas claras que totalizan 55 accións específicas”. Segundo asegurou, “o sector e a Administración fixemos un plan realista”.

Os tres grandes retos do Plan de impulso ao comercio

Como indicou Feijóo, o primeiro reto do Plan de impulso ao comercio é a renovación do sector. Para conseguilo, o titular da Xunta anunciou que se tomarán medidas específicas que buscarán incrementar a competitividade do comercio coa posta en marcha de accións de formación para difundir boas prácticas; a posta en marcha dun programa de axudas para a mellora das infraestruturas comerciais, con especial atención aos centros históricos, ás vilas e ás cidades galegas; a activación de apoios para a apertura de novos establecementos en concellos de zonas rurais de menos de 5.000 habitantes e tamén a creación de mapas con rutas de comercio vinculadas aos atractivos turísticos de Galicia.

Do mesmo xeito, crearanse canles de distribución entre produtores e empresas de distribución para a eliminación de custos intermedios que redunden nun prezo final máis axeitado e que supoñen un incremento da competitividade. Para iso, a Xunta vai impulsar proxectos piloto de bolsas de produtos locais de determinadas zonas.

No relativo ao obxectivo darlle pulo ao comercio electrónico, o Goberno galego vai dirixir a maior parte dos recursos do Plan, o 40 por cento, á potenciación dun novo modelo de comercio co fin de impulsar novas fórmulas de comercialización dos produtos así como a mellora do deseño e a presentación dos mesmos. Para logralo, poñeranse en marcha unha bolsa de ideas de comercialización de produto co obxectivo de convertelas en iniciativas viables, crearase un programa piloto de innovación en formatos comerciais no eido das novas tecnoloxías e apoiarase o desenvolvemento de plataformas tecnolóxicas para impulsar o comercio electrónico, así como axudas para modernizar a imaxe dos establecementos comerciais, os centros comerciais abertos e as prazas de abastos.

Así mesmo, tamén se impulsará nas prazas de abastos a creación de espazos comerciais multifuncionais nos que teñan lugar actividades complementarias como demostracións culinarias, catas ou cursos de cociña. Ademais, entre as accións que se desenvolverán de forma máis inmediata está a activación de axudas para o desenvolvemento de aplicacións e de webs móbiles para os comercios.

En terceiro lugar, co fin de potenciar un comercio máis excelente a Xunta activará axudas para campañas de dinamización comercial e potenciará sistemas de fidelización de colectivos específicos; poñerá en marcha actuacións encamiñadas a potenciar un comercio sostible, implicado coa eficiencia enerxética e coa preservación do medio ambiente; potenciará a creación de ludotecas, de espazos infantís e salas de lactación nos máis de 50 centros comerciais abertos en Galicia; creará grupos de comercio de consumo responsable nas sete cidades galegas e tamén apoiará modelos comerciais que fomenten a redución do uso de envases e de bolsas así como a utilización de elementos biodegradables.

En definitiva, “tratamos xunto co sector de facer un acordo realista para os próximos anos, que reafirma o compromiso co comercio de proximidade como un dos sectores clave da economía da comunidade e tamén moi especialmente do comercio de proximidade nas zonas rurais, nos concellos de menos 5.000 habitantes”. Así mesmo, búscase reforzar a creación da riqueza e emprego en Galicia “como demostran os tres obxectivos que nos marcamos xuntos comerciantes e Xunta”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar