O cantante Francisco, bigañador do Festival da OTI, leva esta noite ao «Luar» os seus éxitos

Cantante Francisco

Esta noite “Luar” vén cargado dunha programación moi diversa en canto a actuacións se refire. A temática pola que xirará o programa serán os anos corenta e contarán coa presenza do cantante Francisco, gañador do festival da OTI no ano 1981 co seu tema “Latino” e no ano 1992 con “A donde voy yo sin ti”. Pero, nesta ocasión, os espectadores do musical poderán gozar doutros dous sinxelos do cantante, titulados “Amapola” e “María bonita”.

Francisco non será o único célebre convidado este venres. Xosé Ramón Gayoso e Lucía Regueiro recibirán a coñecida agrupación de danza Los Vivancos. Elías, Josué, Josua, Cristo, Aarón, Israel e Judan levan dende o ano 2007 actuando xuntos, pero xa teñen unha larga bagaxe como bailaríns en diferentes compañías a nivel nacional.

O toque folclórico galego virá da man da Agrupación Faragulliñas, coa súa “Ruada en Langueirón”, e co grupo Fiandola, con “Rumbaile”. Por outra banda, o ritmo e o baile porano os membros da Orquestra Compostela, que interpretarán os temas “A Santiago” e “La morena de mi copla”. O humor e as risas, como de costume, correrán da man de Os Ramistas cun “sketch” titulado “No Quirófano”.

O que tampouco pode faltar nunha noite do “Luar” é unha actuación dun coro de “Oh Happy Day”, desta vez son os Acorde Secreto, que interpretarán “María Soliña”. E falando de concursos, os recanteiros tamén terán un oco esta noite, catro semifinalistas competirán nesta terceira semifinal de “Recantos” para abrirse un oco na tan esperada final. Tampouco hai que esquecer o “Vai de Gaita”, onde catro rapaces compiten por gañar unha gaita como premio final.

E, para premio, o que darán esta noite Gayoso e Lucía Regueiro no concurso da chamada. O afortunado ou afortunada que responda correctamente á pregunta dos presentadores poderá levar para a súa casa a cuantiosa suma de 1.500 euros.

A REVISTA

O magazine diario da Televisión de Galicia “A Revista” contará hoxe con dúas convidadas de excepción. Sevi Martínez recibirá na mesa do estudio 150 de San Marcos á capitana da selección feminina de fútbol, a compostelá Verónica Boquete. A xogadora acaba de aterrar de Canadá tras xogar o Mundial de Fútbol Feminino e o domingo recibirá a Medalla Castelao, máximo galardón outorgado pola Xunta de Galicia. Por outra banda, dende Vigo, “A Revista” conectará con Mireia Mambo, a actriz protagonista do afamado musical “Sister Act”, que estará no Teatro Afundación de Vigo do 22 ao 27 de setembro.

O programa continuará cunha conexión con Ourense, onde se están a celebrar as Festas do Corpus. “A Revista” intentará amosar como está o ambiente festeiro na capital das Burgas e como o pasan os seus veciños e veciñas.

E tras a conexión coa festa, chega a conexión co pasado. O equipo de directos viaxará ao ano 1900 grazas a un mercado de época no que participan os veciños da parroquia de Furelos, no concello lucense de Melide. Este peculiar mercado estará aberto dende hoxe ata o domingo e nel haberá demostracións en directo de artesanía, actuacións e mostras de como eran as profesións da época.

ZIGZAG DIARIO

No último programa da temporada, o espazo “ZigZag Diario”, que se despide ata a volta do verán, ofrecerá unha entrevista coa actriz Rocío González, protagonista dunhas das últimas curtametraxes de Xacio Baño e integrante do elenco das montaxes teatrais “As do peixe”, unha crónica das mulleres traballadoras da conserva, baseada en testemuños reais da vida nas fábricas a partir dos anos 70 e contada desde o momento actual; e “Meu ben”, a nova comedia da compañía Eme2, centrada na vida de tres mulleres de clase media, que contan a historia dun ano extraordinario.

Ademais, como despedida, o programa da tvG2 presentado por Pilar G. Rego adiantará información sobre os principais certames teatrais que se celebrarán en Galicia durante este verán. Así, “ZigZag Diario” achegarase á trixésimo primeira edición da MIT (Mostra Internacional de Teatro) de Ribadavia, un dos eventos máis importantes do circuíto teatral galego, que desenvolverá entre o 18 e o 25 de xullo un amplo programa de representacións baseado nesta ocasión na hibridación de linguaxes escénicas que se dá na creación contemporánea e na autoría dramática actual.

Os espectadores da segunda canle da Galega tamén saberán hoxe o que dará de si a XXXII Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, o máis antigo e un dos máis prestixiosos festivais que se celebran en Galicia e un dos escasos certames en Europa que celebran a comedia; e o Corpo a Terra de Ourense, unha nova oferta cultural que, a través da danza e das artes do corpo, promove o encontro entre o cidadán e o turista co espazo urbano.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar