Dende 2011, cinco mil persoas obtiveron en Galicia certificacións de experiencia laboral

O titular da Xunta, acompañado pola ministra de Traballo, Fátima Báñez, e pola conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presidiu o acto de entrega de diplomas e acreditacións oficiais das cualificacións e certificacións de profesionalidade

Así o aseguraba o mandatario galego esta mañá, no acto de entrega de diplomas e acreditacións oficiais das cualificacións e certificacións de profesionalidade, onde estivo acompañado pola ministra de Traballo, Fátima Báñez, e pola conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato.

 

Segundo o presidente da Xunta, deses 5.000 candidatos, 1.600 conseguírono na convocatoria actual. Así mesmo, a estes candidatos hai que sumarlle os 45.000 que conseguiron a súa acreditación superando actividades formativas financiadas pola Xunta. Por tanto, desde o ano 2009 hai 50.000 persoas con certificado profesional, “que terán máis facilidade para atopar a súa oportunidade laboral” e “que fixeron un enorme esforzo na época da recesión económica para incorporarse no inicio da recuperación no que estamos e ter máis posibilidades” aseverou Feijóo.

Como asegurou o titular da Xunta, correspóndelles ás administracións deseñar as políticas de apoio que permitan reactivar o mercado de traballo e mellorar o acceso a un emprego. Para iso, as políticas teñen que pasar pola formación das persoas pero tamén por un cambio no modelo educativo. Segundo Feijóo, é preciso formar ás persoas en función das demandas da sociedade.

De feito, lembrou que o Goberno galego foi capaz de incrementar nun 45% as prazas públicas de Formación Profesional, é dicir, un total de 20.000 novas prazas. Como subliñou, esa Formación Profesional é a aposta, desde a educación, o número de persoas novas que traballen en Galicia nos vindeiros anos.

Nesta liña, Feijóo lembrou que o Goberno galego, xa desde xullo de 2010, en plena crise, adoptou un acordo no seo da mesa do diálogo social para que aquelas persoas que estiveran durante anos exercendo un oficio puidesen dispoñer dun certificado oficial que recoñecese a súa cualificación.

Así, desde que en marzo de 2011 Galicia convocou de forma pioneira o primeiro acceso a estas acreditacións de experiencia profesional, xa se realizaron sete convocatorias -a última en decembro de 2014-. Do mesmo xeito, xa se ofertaron preto de 10.000 prazas en especialidades como atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais ou en domicilio, información xuvenil, servizos para o control de pragas, socorrismo en espazos naturais ou en instalacións acuáticas e tamén para profesións como redeiras, operarios de soldadura, transporte sanitario, ou extinción de incendios, entre outras.

Por outra banda, o titular da Xunta reiterou o dato aportado pola ministra de Traballo, segundo o cal o 64% das persoas que teñen dito certificado atoparon emprego.

Cooperación co Ministerio de Emprego e Seguridade Social
Por iso, en vista dos resultados, o presidente asegurou que a vontade da Xunta é seguir nesta liña, aprobando novas convocatorias e fomentando a cooperación co Ministerio de Traballo e Seguridade Social. Con respecto a isto, aludiu ao convenio que se vai asinar entre ambas administracións para financiar diversas actuacións no ámbito da cualificación profesional.

Por outra banda, Feijóo puxo en valor a decisión de que Galicia sexa a sede dun seminario que se celebrará nos vindeiros meses sobre boas prácticas no recoñecemento da experiencia profesional.

 

Centros especiais de emprego
Previamente á entrega de certificacións de profesionalidade, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e a ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, desprazáronse ata o centro especial de emprego de ‘Trameve’, no polígono do Tambre, para visibilizar o labor que realizan as persoas con discapacidade e ratificar o compromiso do Goberno con este colectivo, especialmente cos proxectos de inserción laboral.

Neste eido, é preciso destacar que a Xunta incrementou este ano por segundo ano consecutivo o orzamento para a discapacidade, alcanzando en global a cifra de 100 millóns de euros, o que supón un crecemento de preto do 9% nos dous últimos anos. Actualmente, en Galicia hai 5.000 prazas públicas en centros de día, centros residenciais e centros ocupacionais para persoas con discapacidade, que supoñen un mantemento de 52,6 millóns de euros anuais. Desde 2009 creáronse 880 prazas para este colectivo, un 20% máis das existentes hai seis anos.

Ademais, en 2015 o departamento destina 17,7 millóns de euros aos programas de emprego para a discapacidade e, preto da metade dese presuposto, está dedicado a centros especiais de emprego, co obxectivo de subvencionar o traballo de 2.000 persoas con discapacidade en 114 centros de toda Galicia. En concreto, a contía da axuda por cada persoa contratada sitúase nos 322,65 euros mensuais, o que supón o 50 por cento do salario mínimo interprofesional.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar