A autorizacion gratuita para a praia das Catedrais pódese xestionar por móbil

Santiago, 23 de xuño de 2015.- A autorización gratuíta para acceder á Praia das Catedrais poderá descargarse o mesmo día da visita mediante o teléfono móbil. Dese xeito, sempre que non estea completo o límite diario, os visitantes que cheguen ao Monumento Natural sen autorización previa poderán conseguila en poucos minutos a través da aplicación web https://ascatedrais.xunta.es, para o que, se o precisan, contarán con axuda dos guías da Xunta de Galicia.

A través dun procedemento áxil e sinxelo, calquera persoa que queira acudir a este espazo protexido, situado no Concello de Ribadeo, poderá reservar a súa autorización por internet cunha antelación máxima de 15 días e ata o mesmo día da visita.

A plataforma https://ascatedrais.xunta.es proporciona, ademais, información de interese sobre os horarios das mareas e as horas máis propicias para a visita, así como sobre o número de autorizacións aínda dispoñibles para cada día. Hai que ter en conta que o momento máis recomendable para visitar a Praia das Catedrais o período que vai desde dúas horas e media antes da baixamar ata dúas horas e media despois.

Para contribuír á desconxestión do tráfico na contorna do Monumento Natural, o Plan de Conservación irá acompañado de medidas de fomento do transporte público e de ordenación do tráfico nos viais de acceso.

Prevese, así mesmo, facilitar o acceso ao Monumento Natural aos visitantes que pernocten nos establecementos hostaleiros do concello, para dese xeito, contribuír á dinamización turística de Ribadeo. Precisamente, co obxectivo de resolver as dúbidas dos comerciantes e hostaleiros da zona, a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, manterán mañá unha reunión con representantes deste sector.

Praia As Catedrais_3

De acordo co Plan de Conservación deste Monumento Natural, nos meses de xullo, agosto e setembro, ademais de na Semana Santa, o acceso a este espazo protexido estará regulado cun máximo de 4.812 persoas cada xornada, de acordo coa capacidade de carga establecida polos técnicos. O obxectivo é facer compatible a preservación dos valores ambientais que motivaron a súa declaración como Monumento Natural co uso público do lugar.

Cada persoa poderá reservar un máximo de 30 autorizacións para un mesmo día. As axencias de viaxes disporán da posibilidade de reservar autorizacións en maior número, para poder así xestionar os grupos con visitas concertadas. Así mesmo, a Xunta distribuirá unha porcentaxe de autorizacións diarias entre os concellos de Ribadeo e o resto da comarca da Mariña, as asociacións de hostaleiros da zona e o Clúster de Turismo de Galicia, co obxectivo de facilitar a súa distribución entre os visitantes.

Hai que lembrar que a regulación do acceso na Praia das Catedrais sigue un procedemento similar ao establecido para acceder ás Illas Cíes, no Parque Nacional das Illas Atlánticas, onde desde o ano 2011 o acceso máximo é de 2.000 persoas ao día.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar