Consúmase a suspensión da votación para nomear a Besteiro senador

 

   Os votos do PPdeG abondaron para suspender o pleno extraordinario que estaba convocado para este luns ao obxecto de proceder ao nomeamento do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, como senador por designación autonómica.

Se ben na xunta de voceiros da semana anterior se acordou celebrar esta votación para cubrir a vacante deixada pola exalcaldesa socialista de Silleda Paula Fernández Pena na Cámara alta, o venres pasado o PP solicitou a súa retirada polas súas discrepancias coa proposta do PSdeG para o Consello de Contas, tamén pendente de renovación. Polo tanto, a instancias dos populares tamén se aprazou a elección de tres novos cargos para o ente fiscalizador.

Antes de sotemer a votación o aprazamento de ambas as dúas cuestións, o voceiro socialista, José Luis Méndez Romeu, censurou que o grupo maioritario utilice «unha triquiñuela legal» para, baseándose no Regulamento da Cámara, suspender o pleno extraordinario de elección do senador coma se dunha alteración da orde do día se tratase.

En fronte, en representación do PP, Pedro Puy xustificou a súa decisión en que a ruptura do «acordo» co PSdeG para a «renovación institucional». Iso si, destacou a «elegancia» do seu grupo ao comunicar por anticipado a suspensión deste punto e, con iso, evitar ao líder dos socialistas galegos o «espectáculo» de asistir a esta sesión. Por último, recordou que a baixa do Senado é de hai unha semana, pero o Valedor do Pobo leva en interinidadd dende 2012.

«CONVIDADOS DE PEDRA»

No que atinxe ao BNG, tomou a palabra o seu voceiro, Francisco Jorquera, para lamentar que os grupos minoritarios sexan simples «convidados de pedra» que se decataron das negociacións de PP e PSOE, e da súa «ruptura», polos medios de comunicación. Polo tanto, criticou que se lles considere «robots» que votan ou non «cando o determina o PP».

Ademais, en declaracións aos medios nos corredores da Cámara, xulgou o acontecido «un auténtico esperpento» que evidencia «a que conducen as prácticas de cambalache» nos órganos estatutarios. Ao fío diso, pediu ao PSdeG que «rectifique» e «non siga adiante» coa reforma do Regulamento pactada co PP.

Dende AGE, Xosé Manuel Beiras conveu con Méndez nas súas dúbidas sobre se suspender un pleno convocado é equivalente a modificar un o seu apartado, se ben restou importancia a este asunto cando «o Titanic xa chocou contra o iceberg e ten as horas contadas». De feito, cuestionou o intento de «amarrar» os cargos cando se está «a punto de rematar esta lexislatura» e, «probablemente, a última do Estado das Autonomías».

Explicitar as posturas, só o PP avalou o aprazamento da votación do senador por designación autonómica e da renovación do consello de contas. O PSdeG, pola súa banda, votou en contra do primeiro asunto e abstívose no segundo, mentres que Alternativa rexeitou ambos os dous. O BNG optou por non apertar ningún botón.

«MANOBRA INFANTIL E CAPRICHOSA»

Despois disto, Méndez Romeu saíu ao corredor para criticar ante os xornalistas o que considerou «un exercicio de autoritarismo sen precedentes» do PP, pois non existe «ningunha relación causa-efecto» entre a elección do senador e a renovación doutros órganos.

De feito, interpretou que a intención do grupo maioritario é «obstaculizar, boicotear» a posibilidade de que o secretario xeral do PSdeG «exerza en representación de Galicia». «Pero é unha manobra infantil, caprichosa e inútil, porque antes ou despois o PSOE terá o senador que lle corresponde de acordo coa lei», remachou, e deixou a porta aberta a que a elección de Besteiro se retome no pleno extraordinario previsto para o mes de xullo.

Preguntado sobre se o nome de Xoaquín Fernández Leiceaga é innegociable para os socialistas, indicou que o seu partido acode ás negociacións «sen vetos previos» e «con vontade de acordo». «O PP ve certo perfil político nel e nós, simetricamente, entendemos que a proposta do PP ten practicamente o mesmo perfil político», resumiu, e opinou que este asunto debe ser falado «serenamente» entre os dous grupos maioritarios.

«Estamos en actitude de diálogo; o que non aceptamos é o autoritarismo dun partido nin os caprichos derivados de non saber aceptar os resultados do 24 de maio», incidiu o socialista coruñés, antes de apelar á «honestidade» do presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, para «restaurar o funcionamento normal das institucións galegas».

E é que, como sinalou, o único «precedente» desta forma de actuar «caprichosa, autoritaria e despótica» atopa na Comunidade Valenciana, onde o PP «boicoteou durante meses» a elección dunha senadora do PSOE.

NOVA DEPUTADA

Á marxe deste asunto, ao inicio do pleno tomou posesión do seu escano a deputada do PPdeG Marisol Díaz, que entra na Cámara galega en substitución de Jesús Vázquez Abad, agora alcalde de Ourense.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar