Aprobada por unanimidade a lei que establece a aplicación dos coidados paliativos

R

   A lei de dereitos e garantías da dignidade dos enfermos terminais, proposta polo PSdeG e que establece a aplicación «con igualdade» dos coidados paliativos, foi aprobada este luns na primeira xornada do pleno da Cámara galega coa unanimidade dos grupos.

Os voceiros de PPdeG, PSdeG, AGE, BNG e grupo mixto valoraron os labores en relatorio para elaborar esta norma, coa que consideran que Galicia dá un «primeiro e imprescindible paso» para o tratamento a este grupo de enfermos.

Non obstante, malia o elevado nivel de consenso alcanzado, mostraron discrepancias sobre debates de fondo relativos a este asunto, como o que se refire ao concepto de «morte digna», pola que a oposición asegurou traballar, pero da que o PP dixo que é un «termo pouco recomendado» polos especialistas polo que ten de «ambiguo».

Neste sentido, o popular Miguel Santalices, comezou sinalando que o seu grupo tiña «claro» que con esta lei «non se ía falar de eutanasia», pois «non ten cabida» no proxecto, segundo remarcou.

Con todo, si viu a sedación «lícita» ante varias causas que se poden dar nun paciente, e reivindicou que a «equidade» ten que estar presente en toda a asistencia sanitaria pero «especialmente» no acceso aos coidados que requiren pacientes terminais.

COÑECIDA ANTES DE FIN DE ANO

Pola súa banda, a socialista Carmen Acuña celebrou o acordo unánime durante o debate «sereno e rigoroso» previo á votación da norma, proposta polo PSdeG coa vista posta na «morte digna».

«Durante a enfermidade non se pode perder a dignidade», proclamou Acuña, antes de apuntar ao «certo nerviosismo» co que recibiu o PP o texto, e para a continuación advertir de que a tarefa dos socialistas «non remata aquí».

«Imos seguir moi vixiantes para que agora se cumpra a lei, cun reto novo, o de que antes de final de ano esta lei sexa coñecida por todos os profesionais da sanidade e por toda a cidadanía», subliñou.

CONFLITO EN CASOS DE MENORES

Aínda que o ton de consenso foi o imperante durante este debate, outro dos puntos de diverxencia entre PP e grupos da oposición foi o que ten que ver con casos de opinión contraria entre un menor e os seus proxenitores.

Ao respecto, tanto AGE como BNG e grupo mixto avisaron do «papelón difícil» que se deixa ao persoal sanitario nestes supostos, ao que Santalices respondeu co «respecto» ás necesidades dos menores e o «dereito á información», pero apelando á aplicación da lei vixente e argumentando que «se»pode recorrer sempre ao tema xudicial».

«¿Que vai ir, o menor enfermo a xuízo?», preguntou a deputada Consuelo Martínez (mixto), do mesmo xeito que Montse Prado (Bloque) avogou por que «prevaleza a vontade dese menor» neses casos, ao entender que «dirimir en sede xudicial» non é «a mellor forma» de resolver o conflito.

Por parte de Alternativa, Eva Solla fixo fincapé sobre a «importancia» da incorporación «da consideración de xénero» no texto legal, un asunto que ao seu xuízo non é «menor».

REXEITADAS AS EMENDAS VIVAS

Na quenda de posicionamento sobre as emendas que se mantiveron vivas (de AGE, BNG e grupo mixto, ás que na votación o PSOE se abstivo), o popular Miguel Santalices lamentou «non poder aceptalas».

Con todo, extraeu desta intervención tres conclusións: a de que «procurar unha boa morte na que a dor se reduza ha de ser obriga para os profesionais», que o final da vida é unha evidencia de que a medicina «ten límites» e que se debe ofertar unha «atención integral» coa maior calidade aos pacientes.

Neste apartado, resaltou, «non cabía a obxección de conciencia», posto que se está a falar de «boas prácticas» no sistema sanitario.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar