Rachou o pacto da Transición

Estes días estanme a realizar unha pregunta recorrente: como é posíbel que o Piloto, un mito en vida, sexa hoxe un descoñecido?

A primeira resposta é simple: porque é galego! No relato da historia oficial non ten cabida que guerrilla galega se autoorganizou dous anos antes que as outras do Estado e que foi a última en depor as armas desoíndo as directrices do PCE. Non aparece no relato da resistencia porque choca co papel asignado a Galiza desde a metrópole de submisa, de dereitas, franquista…

Pero hai outras razóns. Unha importante é «a teima do meu partido, o PCE, en borrar calquera relación coa loita armada da posguerra», en palabras do guerrilleiro Quico.

Para que non me acusen de anticomunista, eu escollo tamén a explicación de Armand Balsebre, un dos historiadores que mellor coñecen a historia do PCE: «Paradoxalmente, a negación e o esquecemento imposto á memoria histórica dos guerrilleiros nos anos sesenta, reuniu nunha mesma esfera de complicidade á dirección do PCE e ao aparato propagandístico de Fraga Iribarne». Os pactos da Restauración borbónica, tamén chamada Transción, igualaron moral e politicamente a vencedores e vencidos, a verdugos e vítimas, decretando que o pasado non se remexía, polo que sobrancea aínda a verdade franquista.

Así, a resistencia armada na que participaron tamén os socialistas, queda diluída e esquecida e os seus integrantes pasan a ser bandoleiros ou foraxidos e os seus destacamentos e agrupacións «bandas».

So á luz dese pacto da Restauración borbónica, no que participaron activamente PSOE e PCE, se entende que o PP aínda non condenase o franquismo e se negue a recoñecer as súas vítimas. Só con ese pacto se entenden que proclamas como a do voceiro popular Calvo Hernando, ou o alcalde de Baralla, Manuel G. Capón, manifestando en pleno que «os condenados por Franco merecíano», non levasen consigo castigo político.

Pero, logo das eleccións do 24 de maio, o Pacto de Restauración quedou roto. Aparece unha nova xeración de rexedores, sen ataduras e sen complexos e unhas novas forzas sen aqueles atadallos dos anos sesenta e setenta, que se suman ás que rexeitaron a nova Restauración. «A chegada dunha nova xeración ao poder rachará os pactos da Transición sen que nos deamos conta», dicíame Pascual Margall antes de ser presidente da Generalitat.

A dereita non quere velo e, coa súa campaña contra o desafortunado concelleiro madrileño Zapata, sacou a rede que a amparaba: agora xa ninguén vai admitir que haxa vítimas de primeira e de segunda!.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar