Galicia terá un verán «maís cálido» do habitual

 

   A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) augura un verán «máis cálido» do habitual para Galicia, tras rexistrar unha primavera «seca e cálida». En canto ás precipitacións, prevese que sexan as «normais» nesta época do ano.

En rolda de prensa, o delegado da Aemet en Galicia, Francisco Infante, precisou que de xullo a setembro espera que as temperaturas alcancen valores «superiores» aos habituais para esta época do ano, mentres que as precipitacións espera que teñan valores «normais».

Na súa intervención, Infante tamén fixo balance dos datos climatolóxicos da primavera, que resultou «seca» e «cálida», chegando a ser «mesmo moi cálida» nalgúns puntos da comunidade galega. Así, os meses de marzo, abril, maio e o que levamos de xuño resultaron cálidos, con temperaturas superiores ao habitual.

En concreto, Infante destacou o mes de abril, cando se alcanzaron temperaturas superiores aos 30 graos en puntos do interior de Ourense e Rías Baixas. Todo iso sitúa este mes de abril «entre os máis cálidos dos últimos 20 anos», segundo comentou o responsable da Aemet.

ESCASEZA DE PRECIPITACIÓNS

Tamén incidiu na escaseza de precipitacións durante o período primaveral. «Choveu un 30 por cento menos do habitual para esta época do ano», afirmou o delegado da Aemet, que puntualizou que no caso do extremo norte galego a primavera resulto ser «moi seca».

Non obstante, a pesar da escaseza de precipitacións nos últimos meses, Galicia non está en risco de seca. «Non hai seca, nin moito menos», dixo Infante en relación aos datos do balance hídrico, que sitúan o ano hidrolóxico como «lixeiramente seco» en España, unha tendencia que tamén segue a comunidade galega ante o «déficit» de precipitacións durante a primavera.

PRÓXIMOS DÍAS

Para os próximos días, o delegado da Aemet comentou que o tempo se manterá baixo a influencia anticiclónica toda a fin de semana e principios da seguinte semana.

Non obstante, o martes, de cara á noite de San Juan, prevese a entrada de nebulosidade que podería deixar algunha «precipitación débil» de madrugada na costa galega. En canto ás temperaturas para esa noite, serán «algo máis frescas» do habitual.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar