A capital

Os catro anos de mandato do PP en Santiago supuxeron unha perda absoluta do impulso e da traxectoria que a capitalidade viña acadando tanto en Galicia como internacionalmente. Durante case tres décadas de proxectos socialistas a capital pasou de ser unha cidade levítica ancorada no pasado a converterse no faro indiscutible da modernidade con proxección ao exterior. Unha urbe exemplo de consensos, urbanismo impecable, equilibro social, potencia cultural e hábitat modélico. Co mandato conservador o proceso caeu no abismo.

O sábado rematou a paréntese. A esquerda volveu de novo aos escanos do poder. Porén, é unha mágoa que non exista un Goberno de coalición maioritario e sólido. Construído sobre os alicerces dun acordo programático deseñado para desenvolver o proxecto de Capital de Galicia que agardamos os composteláns en particular e os galegos en xeral. Un acordo semellante aos desenvolvidos no pasado por socialistas e nacionalistas, baseado na seriedade, na confianza mutua e na xenerosidade máis aló dos intereses partidarios.

Na toma de posesión o novo alcalde amosou un perfil a prol desa unidade de acción. Fixo un discurso non escrito cheo de referencias socialistas, galeguistas e republicanas. Reivindicou, entre outras sobranceiras, a figura de Ánxel Casal e o traballo de Xerardo Estévez, cos homes e mulleres que o acompañaron na construción da capitalidade. Apostou polo denominador común das forzas representadas na Corporación, e polo diálogo e o consenso para «recuperar o latexo e o prestixio».

As palabras de Martiño Noriega semellan unha porta aberta, agora compre agardar pola escenificación do seu proxecto de cidade e de Capital para acadar o futuro. Porque o que verdadeiramente representou a desfeita do mandato pasado, incluso por riba dos conflitos xudiciais e económicos, foi a falta de programa e de visión global do que representa ser a Capital de Galicia. A capital de todos os galegos, conxugando todas as pluralidades sociais, ideolóxicas, relixiosas, culturais… Porque facer Compostela é moito máis que facer xestión local.

Tamén deduzo das súas declaracións recentes, que Martiño pode caer na tentación e no erro de ser o alcalde da Capital de Galiza deixando á Galicia oficial fora do ámbito da súa acción. Interpreto -desde o galeguismo, a laicidade e republicanismo do meu pensamento internacionalista-, que é tan bo reivindicar o pasado histórico esquecido como é interesante e plural conservar as tradicións e os rituais sobre os que tamén se sustentan as identidades culturais deste pequeno e inmenso país. Xa que logo, forman parte do «común denominador» (ou do mínimo común múltiplo) do bo xeito de gobernar, do que el falou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar