Sanidade impulsa os institutos de investigación e o seu traballo en rede

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, inaugurou hoxe a III Xornada de Investigación Biointegrasaúde 2015, onde avogou por impulsar os Institutos de Investigación Sanitaria e, de maneira específica, o seu traballo en rede, “fundamental para a súa efectividade e eficiencia e para a captación de recursos”.

Ademais, Mosquera insistiu na necesidade de impulsar de forma especial a aqueles grupos que realizan unha investigación de carácter translacional en biomedicina xa que é, segundo a cualificou, a forma máis rápida para que os novos coñecementos científicos sexan transferidos á investigación clínica e á práctica asistencial, redundando nunha mellora desta práctica cara aos pacientes.

“A nosa misión é clara, facer investigación científica, tecnolóxica ou de contido social que cumpra coa condición de ser orixinal e produza resultados de calidade, sobre todo, que sirva para mellorar a calidade e expectativa de vida dos galegos”, subliñou a conselleira.

Galicia, rexión líder na oferta de produtos e servizos innovadores

Dende Sanidade tamén se aposta pola innovación sanitaria, enmarcada na Estratexia RIS3 de Especialización Intelixente de Galicia para o período 2014-2020; por implantar un novo modelo de vida saudable; e por converter a Galicia nunha rexión líder na oferta de produtos e servizos innovadores, como no ámbito do envellecemento activo da poboación.

Asemade, Mosquera subliñou a importancia de impulsar os proxectos de compra pública innovadora e compra pública precomercial, así como o desenvolvemento de unidades mixtas de colaboración.

Tamén agradeceu aos profesionais do Servizo Galego de Saúde o seu traballo, que permitiu este ano a acreditación por parte do Instituto de Saúde Carlos III do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e a reacreditación do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).

“O noso próximo reto é conseguir tamén a acreditación para o Instituto de Investigación Biomédica de Vigo (IBIV), e confiamos que a posta en marcha do novo Hospital Álvaro Cunqueiro vai a servir de revulsivo de cara a este obxectivo”, engadiu Mosquera.

Neste eido, os laboratorios de investigación deste novo Hospital quedarán a disposición dos investigadores e dos grupos de investigación do instituto e contarán cunha superficie de 1.649 m2.

Ademais, co fin de facilitar a actividade docente, contará con 1.225m2 de aulas, biblioteca, despachos de titorías, área de simulación e un salón de actos de 462m2 previsto para 322 postos, que quedarán á disposición da docencia de grado, postgrado, continuada e para a formación sanitaria especializada.

107 grupos de investigación

Actualmente, estes tres institutos engloban a 107 grupos de investigación con máis de 1.100 investigadores e captan ao redor de 25 millóns de euros ao ano. Ademais, os 3 institutos e os seus hospitais representan o 80% das publicacións totais do ámbito sanitario en Galicia, con 1.000 publicacións ao ano. Tamén participaron en máis de 250 ensaios clínicos por ano, e son xeradores de emprego xa que 350 profesionais foron contratados polas Fundacións.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar