Apoio oficial ao sector mexilloeiro

Rosa Quintana_sector mexillón mexilloeiro

 

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, asistiu esta mañá en Vilagarcía de Arousa á presentación do pleno do Consello Regulador do Mexillón de Galicia. Alí a titular de Medio Rural e Mar comprometeu o apoio da Xunta ao sector mexilloeiro para impulsar a súa innovación e competitividade.

Rosa Quintana subliñou que unha vez que a Unión Europea aprobe o novo programa operativo do Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro buscarase obter axudas “para consolidar a organización dun sector forte e para a innovación”. Para iso, explicou a conselleira, “no momento en que se aprobe o programa operativo teranse reunións de traballo para ir cerrando as novas ordes de convocatorias de axudas a proxectos competitivos e que axuden ao sector a ir a máis”.

Ademais deste tema, durante a reunión mantida co pleno do Consello Regulador fíxose un pequeno balance do que leva feito este organismo dende o 2010 ata a actualidade. Neste sentido, Rosa Quintana explicou que cada ano foron incrementando os quilos certificados con esta denominación. Tamén o rendemento en carne que ten o mexillón con certificación e a certificación do produto transformado. “Vai evolucionando ben tanto a venda en fresco como a venda en produto transformado”, sinalou a conselleira.

Outro dos puntos tratados nesta xuntanza son os novos obxectivos que se marca o Consello Regulador do Mexillón de Galicia, como o incremento da produción, a elaboración dun novo regulamento para darlle maior estabilidade ao propio Consello e continuar apostando polo I+D+i.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar