«0 Ribeiro ten un peso importante na marca Ourense», afirma Baltar

image

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe no acto dos premios da Denominación de Orixe Ribeiro, que se entregaron no Mosteiro de San Clodio (Leiro), onde afirmou que o Ribeiro «ten un peso importante na Marca Ourense, pois é a segunda denominación de orixe máis antiga de España e exporta os mellores caldos brancos do mundo». Nun sector que cualificou de «estratéxico» para a economía provincial, Baltar remarcou que Ourense «é a única de España que conta con catro denominacións de orixe, o que define a importancia histórica, económica e social que o ámbito vitivinícola ten no territorio ourensán».

O presidente do goberno provincial entregou o premio ao Mellor Viño Branco á adega «Ramón do Casar», nun acto no que anualmente se recoñece aos mellores viños brancos e tintos desta denominación de orixe así como outras iniciativas profesionais. Tamén se presentou a colleita de 2014 e se deu conta do balance de xestión do último ano, nun evento no que se deron cita representantes institucionais, profesionais do sector do viño de toda España, adegueiros, distribuidores, maioristas e xornalistas.

Manuel Baltar destacou que a Deputación de Ourense «continuará con ese diálogo permanente que instauramos cos presidentes das catro denominacións de orixe ourensás, e achegaremos axudas e colaboracións para promocionar este importante produto endóxeno, e seguiremos apoiando a comercialización a través de canles innovadoras como o portal web Enourense».

O presidente da Deputación subliñou que o goberno provincial «está aberto a todas as propostas que este importante sector nos achegue», un sector que Manuel Baltar coñece perfectamente, dado que foi delegado en Ourense da Consellería de Política Agroalimentaria, e ao que eloxia «por ser un ámbito dinámico e en constante innovación por parte das adegas, o que fai que teñamos na provincia de Ourense un viño que se converteu por méritos propios nun referente nacional e internacional».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar