Concellos rebeldes?

Están de moda. Tan de moda que a maioría dos medios de comunicación teiman en crear unha épica dos gobernos municipais sen adscrición partidaria. Tan de moda que algún xornal galego presume de ser o primeiro en apoialos. A min as modas «sobrevidas» sempre me poñen nunha especie de alerta que me leva a matinar e a matinar para atoparlles explicación. E, tarabeleando, ocórrense algunhas ideas que quero compartir con vostedes. Até que punto as denominadas Mareas municipais son unha autorregulación do sistema, unha válvula de escape ante o clima de corrupción e de decadencia social e a demonización da política? Ou son a principal mostra dos novos tempos, dos novos xeitos de participación cidadá nas institucións?

Pódese considerar que representan o populismo que abrolla noutros estados trasladado ao español como rexeitamento cívico á vella política? Trasladadas ás eleccións xerais servirían para afortalar o Estado cun novo pacto no que a periferia cede os seus votos para que o centro siga controlando as institucións, ou poden ser as impulsoras dun cambio democrática que mude as relacións económicas entre centro-periferia e entre as distintas autonomías?

É preciso diferenciar a súa aposta no seu aspecto social e no seu aspecto nacional galego? En primeiro lugar, hai que constatar que o que se denomina «Mareas», teñen moi pouco que ver unhas con outras. Cada concello é un mundo e cada candidatura obedece máis a unhas razóns locais, cando non persoais, que a unha idea xeral, con implantación territorial.

Se tomamos a d’A Coruña como a primeira e xenuína, os outros procesos, a configuración, os impulsores e o resultado final é difícil atoparlles semellanzas. Na maioría dos casos, nin sequera se poderían denominar plataformas cidadáns, pois foron unha nova marca de AGE logo dos tempos combulsos e de desfeita que viviu a formación impulsada por ANOVA e EU.

Nalgúns concellos mesmo competiron entre si, como en Cangas. Noutras ocasións os seus integrantes eran políticos de longo percorrido «rebotados» ou sen cabida nas organizacións preexistentes. E no caso de Pontevedra, segundo as súas propias palabras, «sitúanse nas antípodas do BNG». Tampouco os apoios externos foron os mesmos en todas as cidades nin proviñan dos mesmos sectores. En Compostela, A Coruña e Ferrol o éxito das Mareas non se entendería sen o enfrontamento interno do PSOE e un apoio decidido dun sector da burguesía local por está fórmula.

Sexa como fose, unha importante parte da poboación das cidades apostou polos «independentes» para protestar, electoralmente, contra a corrupción e o seu bo resultado está a marcar a política galega. Pero coidado, non toda a terra e país!

Alfonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar