100 mil personas visitaron a Semana Verde de Galicia

 

Semana Verde de Silleda_2015

A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia e os seus certames paralelos, que nunha hora pecha as portas da súa 38ª edición no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, revalida o respaldo do público á súa proposta multisectorial de mostras e ocio volvendo rexistrar unha afluencia estimada de máis de 100.000 visitantes. Estes asistentes amosaron de forma xeralizada a satisfacción pola súa visita, destacando a variedade e amplitude das súas propostas.

Dende o pasado xoves ata hoxe 500 expositores directos estiveron presentes na área expositiva da Abanca Semana Verde e os salóns simultáneos Salimat Abanca, de alimentación, e Fecap, de caza, pesca e natureza. A eles sumouse un completísimo programa composto por máis de 150 actividades distintas.

No seu conxunto esta edición 2015 ocupou unha superficie de 70.480m², un 3,2% máis que na pasada edición, destacando a recuperación de espazos do recinto como o lago, o cal se reestreou na feira grazas ao labor de acondicionamento que está a desenvolver nel a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia.

Todo elo, unido a entrada gratuíta por sexto ano consecutivo, permitiu que a Abanca Semana Verde de Galicia acadara de novo unha gran afluencia de público e se reafirme como o maior certame de mostras e ocio do noroeste peninsular.

A feira foi inaugurada o pasado xoves polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen destacou a Semana Verde como unha “feira de feiras”, facendo fincapé en que “poucos eventos poden presumir de ter entrada gratuíta e organizar máis de 150 actividades distintas, como a Semana Verde”, ao tempo que asegurou que a inauguración da edición 2015 marcou “o primeiro ano do futuro da nova feira Semana Verde, xa que comeza unha nova etapa para o recinto”. No acto estivo acompañado polo vicepresidente da Xunta de Galicia e presidente da Fundación Semana Verde de Galicia, Alfonso Rueda; a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana; a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán; o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e por outras autoridades.
Ademais desta presenza institucional na inauguración, o certame contou ao longo dos seus catro días coa visita de numerosos membros do Goberno galego. Así, acudiron ao recinto o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o secretario xeral do Mar, Juan Carlos Maneiro; a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado; a directora xeral de Traballo e Economía Social, Carmen Bouso, e novamente Rosa Quintana, quen esta mañá entregou o premio “Palleiro de Honra” e visitou distintos espazos da feira, entre eles o pavillón do salón de alimentación Salimat. Unha importante participación tanto na inauguración como no transcurso da feira que reflicte o apoio institucional a esta cita feiral.

 

CERTÁMES PARALELOS

O 19º Salón de Alimentación do Atlántico, Salilmat 2015, converteuse un ano máis en espazo de negocio para as empresas presentes na área expositiva e nun escaparate de produtos de calidade, artesáns, gourmet e innovadores

Así, os seus Encontros Nacionais e Internacionais de Compradores, realizados co apoio do IGAPE, acolleron 1.100 reunións de negocio nas cales 70 empresas expositoras amosaron directamente os seus produtos a 28 importadores, distribuidores e restauradores de EE.UU, México Brasil, Colombia, Panamá, Xapón, China, Rusia, Marrocos, Alemaña, Reino Unido, Francia, Italia e España. Unhas cifras que supuxeron o dobre que na pasada edición tanto en número de compradores como en países de procedencia e que estiveron tamén acompañadas de bos resultados cualitativos, xa que os compradores participantes destacaron moi positivamente as reunións mantidas e afirmaron en xeral o seu interese por varias das propostas que coñeceron para incorporalas á súa carteira de produtos.

 

Semana Verde de Silleda_2015_Paulo Martiño

En canto á súa área expositiva, concedeu gran importancia á innovación, cunha zona exclusiva de novos produtos, Alinova, no cal estiveron presentes 40 innovacións de gran orixinalidade, como cervexa con chile, sidra natural elaborada con 21 variedades de mazá ou o pack Merenda Galega que inclúe viño Albariño, galletas mariñeiras con algas e patés de centolo e nécora.

En canto a Fecap Abanca, respaldado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza e outras moitas entidades do sector, a súa área expositiva contou, entre outros expositores, con armerías, empresas de material de caza e pesca, firmas de equipamento e accesorios, cetrería, criadores de cans, federacións ou asociacións. Un espazo ao que se uniu un completo programa de actividades.

150 ACTIVIDADES

A gran diversidade da Semana Verde tamén se reflectiu no seu completo programa de actividades, conformado por máis de 150 distintas con numerosas novidades.

O programa de Fecap destacou polo seu número de propostas, con cerca de 50 actividades distintas, entre as cales figuraron exhibicións, demostracións, talleres, cursos, concursos, xornadas técnicas, de caza, pesca e natureza e tamén a II Feira de Cans de Caza, na cal participaron 300 cans.
Pola súa banda, Salimat ademais dos Encontros de Compradores e a área Alinova, contou con 40 actividades distintas para profesionais e público xeral, entre elas numerosas catas e degustacións, talleres, xornadas técnicas, actividades didácticas, reunións sectoriais e restaurantes centrados nas razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción.

As actividades caninas tamén foron moi numerosas, ofrecendo a posibilidade de desfrutar de competicións de axilidade e beleza, exhibicións de pastoreo e perruquería canina ou xornadas sobre reprodución e alimentación.

A área de gandería contou cun completo programa, centrado nas razas autóctonas galegas en perigo de extinción e conformado por varios concursos morfolóxicos, exposicións comerciais, exhibición de “aloitadores” e diversas xornadas técnicas sobre aspectos de interese das distintas razas. Ademais, estivo presente neste programa a raza rubia galega cunha exposición.

O programa completouse con outras actividades de gran interese, como o espectáculo de motor de Paulo Martinho, exhibicións de 4×4 e karting, demostracións de talla en madeira, talleres e exhibicións de Star Wars, actuacións musicais ou a I Carreira Popular Abanca Semana Verde de Galicia, a cal contou con 197 participantes.

EQUINA 2015

Esta edición da feira Abanca Semana Verde de Galicia acolleu tamén propostas equinas como escola infantil de monta de ponis, presentacións en pista do cabalo de pura raza galega ou o Campionato Galego de Andadura. Sen embargo, o programa ecuestre deste certame trasladouse en boa medida a un evento que terá lugar o vindeiro fin de semana tamén no recinto feiral, Equina 2015.

Este evento ecuestre estará centrado en dúas importantes citas, o Concurso Internacional Morfofuncional de Cabalos Españois de Galicia – ANCCE e o III Concurso A.E.C.C.A de Galicia, de categoría nacional. Ademais, estas competicións complementaranse con outras probas e actividades e cunha área expositiva.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar