TVG recibe dous premios da Academia de Televisión: a «O Faro» e Silvia Jato

O Faro_serie TVG

A Academia Española de Televisión acaba de facer públicos hoxe os Premios Iris, que anualmente distinguen os mellores programas das Autonómicas, nos que a Televisión de Galicia resultou galardoada por partida dobre. Así, con relación aos mellores programas e profesionais autonómicos de 2014, sobre a TVG recaeron a Mellor Ficción pola serie “O Faro” e o Mellor Presentador de Programas, en Silvia Jato, polo seu papel en “Boas Tardes”.

Silvia Jato_Boas Tardes_TVG

A presentadora lucense, á fronte do magazine das tardes da Galega de luns a venres, amosouse moi sorprendida e sinalou que “como todo premio é unha satisfacción porque recoñece un traballo tanto persoal coma de equipo”. Silvia Jato agradeceu tamén a confianza depositada pola canle pública na súa persoa e neste proxecto e, en concreto, quixo “dar as grazas a Rosa Vilas, a directora da TVG e a persoa que puxo o ollo en min”.

O galardón dos Iris tamén para o “O Faro”, serie de ficción diaria a piques de rematar a súa cuarta temporada en antena con grande éxito de audiencia, vén ser en verbas do director de Programación e Emisións da canle pública, Fernando Madriñán, “un recoñecemento á forte aposta que está a facer a TVG pola ficción, un dos sinais de identidade da Galega, tanto polo seu alto nivel de produción coma pola súa alta calidade”.

Ademais dos galardóns á Mellor Ficción e Mellor Presentador/a, o Consello da Academia, formado por representantes das canles xeralistas e autonómicas, plataformas dixitais e entidades de xestión de dereitos de autor, deron a coñecer as catro categorías autonómicas restantes: Mellor Programa de Entretemento (“Zarrios”, Aragón Televisión), Mellor Programa de Actualidade (“Unidad Móvil”, Aragón Televisión), Mellor Informativo (Canal Sur Noticias) e Mellor Presentador/a de Informativos (Mabel Mata, Canal Sur).

Os premiados nas categorías autonómicas recibirán os galardóns durante a ceremonia de entrega dos Premios Iris da Academia de Televisión, o próximo 25 de xuño desde o Gran Casino de Aranjuez.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar