O «caso Couso» queda impune

Cámara José Couso O xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz pechou para o seu posterior arquivo a causa na que investigaba a morte durante a invasión de Iraq do cámara José Couso, que se produciu o 8 de abril de 2003 no hotel Palestina de Bagdad, nun auto no que lamenta que, a pesar de que existen «suficientes indicios racionais» contra tres militares do Exército de Estados Unidos, este «crime de guerra» vai quedar «impune».

O maxistrado, que eleva o procedemento á Sala do Penal para que acorde o sobresemento das actuacións ao ser o órgano competente para este trámite, considera que non ten marxe para continuar a instrución debido á reforma da lei de xurisdición universal e á recente sentenza do Supremo que confirmou o arquivo das pescudas sobre o xenocidio no Tibet. «O flexo non poderá manterse acendido», laméntase Pedraz.

Desta forma, propón o peche da causa que dende 2010 mantiña procesados e baixa orde de busca e captura o tenente coronel do Exército de Estados Unidos Philip de Camp, o capitán Philip Wolford e o sarxento Thomas Gibson, aos que acusaba de delitos contra as persoas e bens protexidos en caso de conflito armado en concurso, con homicidio.

Pedraz argumenta que a resolución do Supremo, da que foi relator o exfiscal xeral do Estado Cándido Conde-Pumpido, estableceu, de acordo coa reforma da xustiza universal impulsada polo PP, que «os tribunais españois carecen de xurisdición para investigar e axuizar delitos contra as persoas e bens protexidos en caso de conflito armado cometidos no estranxeiro» salvo en dous supostos.

O primeiro refírese a que o procedemento se dirixa contra «un español» e o segundo que o presunto autor sexa «un cidadán estranxeiro que resida habitualmente en España ou un estranxeiro que se atopase en España e a extradición do cal fose denegada polas autoridades españolas».

O xuíz interpretou a reforma no sentido de que podía perseguir os presuntos autores da morte de couso «in absentia» (en rebeldía), é dicir, que «a obriga de buscar e facer comparecer aos procesados se estendía a calquera país no que se atopasen e non solo a España». Non obstante, a sentenza do Supremo establece que a xurisdición non pode estenderse «‘in absentia’, en función da nacionalidade da vítima ou de calquera outra circunstancia».

NON SE PERSEGUIRÁN OS CRIMES DE GUERRA

Tras sinalar que o Supremo establece coa súa sentenza «unha doutrina definitiva» sobre esta cuestión a partir da modalidade «moi restritiva» de xurisdición universal aprobada polo lexislador, Pedraz destaca que, a pesar de que os feitos constitúen un crime de guerra contemplado no IV Convenio de Xenebra, a busca dos autores non será posible «en España nin noutros países».

«A nova norma ditada polo lexislador español impide a persecución de calquera crime de guerra cometido contra un español, salvo no díficil suposto de que os presuntos criminais se refuxiaran en España,», sinala o titular do Xulgado Central de Instrución número 1.

De igual modo, recorda que «para buscar ou facer comparecer ante os tribunais» aos presuntos autores dos crimes de guerra «fai falta ditar unha orde de busca e esta só pode acordarse dentro do seo dun procedemento», que neste caso «nunca existirá» porque a reforma «impide o seu incoación» salvo que os responsables vivan no noso país.

NIN AUTOPSIA NIN IDENTIFICACIÓN

A nova norma tamén leva consigo, segundo Pedraz, que «ante crimes contra xornalistas, cooperantes ou persoais españolas consideradas como poboación civil», nin a Fiscalía nin os familiares das vítimas poderán instar a apertura de dilixencias en España para «identificar a vítima, solicitar a autopsia ou investigar como aconteceron os feitos».

Neste contexto, o xuíz lamenta que a partir de agora os procesados poderán «desprazarse a outros países que subscribiran o Convenio, e mesmo a España, coa seguridade de que non van ser buscados», posto que «nos arquivos policiais ou doutra índole non vai constar tal busca».

«Desta forma, malia que existen múltiples esforzos e recomendacións a nivel mundial para perseguir e sancionar este tipo de delitos (…), o delito quedaría impune. A decisión do lexislador será discutible e poderá provocar debates en torno a tal impunidade, non só para o presente casos senón para outros posibles, mais non corresponde aos xuíces suplir o lexislador», conclúe Pedraz.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar