Hoxe comenzan as probas de acceso á Universidade

Miles de mozos iniciarán este mércores en Galicia as probas de acceso á universidade, que se estenderán ata o venres en diferentes localidades da comunidade galega.

En total, segundo os datos facilitados pola Comisión interuniversitaria de Galicia (Ciug), os matriculados ascenden 10.627 persoas, manténdose nos números de convocatoria das PAU de 2014.

Os estudantes participarán na xornada de selectividade distribuídos por comisións delegadas. Deste modo, os puntos que aglutinan máis alumnos serán Vigo, con 2.274, Santiago de Compostela con 2.261 e A Coruña unhas 1.961.

Tamén haberá probas nas localidades de Ferrol, con 676 matriculados, Lugo con 900, Pontevedra con 1.060, Viveiro con 238, Ourense con 998, A Rúa con 134, e Cee, con 125 alumnos.

Así mesmo, 23 estudantes con distintas capacidades someteranse ás probas no Centro de Recursos Educativos da Once Pontevedra, que colabora coa Comisión interuniversitaria de Galicia.

Os PAU do ano pasado aglutinaron máis de 10.400 persoas matriculadas nos exames do mes de xuño mentres que máis de 2.300 mozos participaron na convocatoria do mes de setembro.

HORARIOS

A xornada do mércores acollerá próbaas de Lingua Castelá e Literatura, ás 10.00 horas, que consistirá no comentario dun texto non especializado e de carácter informativo e divulgativo relacionado cos contidos da materia.

Posteriormente, celebraranse os exames de Historia de España e Historia da Filosofía (12.15 horas), Lingua Galega e literatura (16.00 horas) e Lingua Estranxeira (18.15 horas).

Ao día seguinte realizaranse os exames de Matemáticas II, Grego II e Técnicas de Expresión Gráfico-Plástica (09.00 horas); Ciencias da terra e ambientais, Literatura Universal e Deseño (11.15 horas); Química, Latín II e Debuxo Artístico II (13.30 horas); Bioloxía e Historia da Arte (16.30 horas); e Electrotecnia, Matemáticas aplicadas ás Ciencias Sociais, e Artes Escénicas (18.45 horas).

A terceira xornada de exames contará coas probas de Física, Xeografía e Análise Musical II (09.00 horas); Tecnoloxía Industrial II, Economía da Empresa (11.15 horas); e Debuxo Técnico II e Historia da Música e da Danza.

As cualificacións provisionais, segundo o calendario publicado pola CIUG, publicaranse o 19 de xuño, mentres que as notas serán publicadas o próximo 26 tras as resolucións das reclamacións.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar