Volve o ciclo «Emocións by Ribeiro», con Pepe Solla

Viños Ribeiro

A Denominación de Orixe Ribeiro organiza a segunda actividade do seu programa Enocións by Ribeiro, que se celebrará o próximo xoves na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago; nesta ocasión, coa participación do cociñeiro Pepe Solla, a catadora Cristina Alcalá e DJ Analís.

A proposta Enocións by Ribeiro quere reflictir as emocións que afloran durante a peregrinación a Santiago, a través dos sentidos, harmonizando disciplinas artísticas coa degustación de catro viños da Denominación de Orixe Ribeiro. Nesta ocasión as referencias de viños brancos a catar serán: Armán Finca Os Loureiros, Canción de Elisa, Colección 68 de Costeira Treixadura e Finca Viñoa.

PEPE SOLLA

Pepe Solla ofrecerá catro creacións gastronómicas preparadas para harmonizaren cos viños da D.O. Ribeiro e as emocións vividas durante a realización do Camiño de Santiago. A presentación dos viños virá da man da catadora e directora de 5 Sense Wine, Cristina Alcalá. A música non faltará, a través dunha sesión de DJ Analís, e os asist entes poderán coñecer a exposición Camiño. A orixe cunha visita guiada en grupos reducidos.

A exaltación e a forza da natureza serán as emocións que sirvan de eixe á xornada que comezará ás 19.00 horas no Museo Centro Gaiás, cun prezo de 12 euros. As entradas están á venda en www.ataquilla.com; na Reixa Tenda, de Santiago de Compostela; e na sede do C.R.D.O. Ribeiro, en Ribadavia. Toda a información da cita está no portal web www.movimientoribeiro.com

A primeira sesión de Enocións by Ribeiro contou coa música de Guadi Galego e as fotografías de Xurxo Lobato e acadou un grande éxito; o 10 de setembro virá a terceira e última, co humor de Carlos Blanco.

EXPOSICIÓN CAMIÑO DE SANTIAGO

A orixe presenta unha selección de 150 obras de artes e 11 intervencións artísticas, para amosar unha visión contemporánea da ruta. Trátase dun proxecto dirixido por María García-Alén que se remonta no tempo ata o ano 820 d.C, co eremita Paio atopando a tumba do Apóstolo. Esta mostra conta con obras mestras de artistas como Durero ou Murillo, procedentes de institucións como a Galería Uffizi ou o Museo do Prado, e outras pezas dun alto valor cultural. Ademais, Camiño. A orixe complétase co proxecto Lugares xacobeos, intervencións artísticas realizadas por creadores da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.

Para o C.R.D.O. Ribeiro, estar presente dentro da familia de mecenas da Cidade da Cultura, e participar como patrocinador activo desta exposición sobre a orixe do Camiño de Santiago, é un paso máis cara a consolidación da marca Ribeiro no seu mercado vocacional, Galicia, o principal consumidor de viños D.O. Ribeiro. Esta histórica denominación remonta as súas orixes na viticultura ao Século X, cando a Orde do Císter púxoa en marcha dende o Mosteiro de San Clodio, en Leiro. Estes viños milenarios tiveron o seu primeiro mercado en Compostela grazas ao Camiño de Santiago.

Dentro do seu plan estratéxico o C.R.D.O. Ribeiro continúa o seu planeamento de accións acordes á historia, a profesionalidade na xestión, a busca da excelencia na calidade, e a potenciación da marca, unha das mais recoñecidas de España.

A Denominación de Orixe Ribeiro está a reforzar a imaxe do #movimientoribeiro coa súa presenza en facebook (www.fb.com/DenominacionOrixeRibeiro) twitter @CRDO_Ribeiro, e Instagram: crdo_ribeiro.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar