Carta a un futuro alcalde

MEU amigo: antes de nada, non sei se parabenizarte ou darche o meu máis sentido pésame se, como penso, vas saír elixido alcalde. Sei que chegarás ao posto guiado pola mellor intención de contribuír a mellorar o teu concello e, sobre todo, a vida dos seus veciños. Así, sen imposturas nin finximentos. Auténtico e militante como es.

Teño que dicirche, primeiramente, que non vas poder realizar nin a décima parte do que pensabas e que atoparás mil trabas onde menos agardas. Non te desanimes. Dareiche un consello: non lle ocultes aos cidadáns e menos aos que te elixiron esas dificultades. Moi ao contrario, explícalles o que querías facer e por que non podes. Só así te sentirás liberado e poderán comprenderte.

Esas dificultades e un inxente traballo que non te leven a illarte da realidade. Tes que ter horas, primeiramente, para ti e para os teus. A túa axenda, extenuante e delirante, ten que che deixar tempo para durmir, para comer, para ler, para falar cos que sempre te rodearon, fillos, parella, pais, irmáns, amigos; para facer o que sempre fixeches. Para pensar.

E terás que pisar a rúa. Pasear como paseabas antes e frecuentar os mesmos lugares. Aínda que a xente te olle doutra maneira, debes teimar en ser o mesmo, dándolles prioridade aos amigos e militantes, antes que aos «novos amigos» e poderosos que te rodearán e che tentarán marcar a túa axenda. Pois, marcándoche a axenda, tamén che marcarán, pouco a pouco, non só as túas prioridades senón a túa personalidade.

Dicíache que tes que ter tempo para pensar. O cansazo de decidir leva a un grave erro: cantas máis decisión tomas, máis poderoso te sentes e, na vez de meditar coidadosamente as decisións, sacas conclusións precipitadas sen agardar a ter toda a información completa.

Foxe da soberbia e escoita aos demais, sobre todo a aqueles que che levan a contraria e que non te adulan. Xa sei que é duro que, levando labazada tras labazada dos inimigos e contrarios, veña alguén que che quere ben e, na vez de acariñarte, que é o que necesitas, te contradiga. Doe, claro que doe. Pero pensa que non es tan listo como pareces e que non tes un talento especial moi superior aos que te rodean e, sobre todo, á dirección do teu partido, e que é mellor que se equivoque toda a organización que acertar ti só.

Para que non pares de ler antes de chegar ao final, pois sei que andarás todo apurado, dareiche unha última recomendación: por favor, goberna para facer o que sempre quixeches facer e non para manterte no poder, sexa interno ou sexa no teu posto de alcalde. Non xogues a ese xogo que te destruirá como político e como persoa.

 

Alfonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar