O portal de Internet da Xunta ábrese aos concellos para evitar duplicar xestións

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalou  na rolda de prensa do Consello, que o Goberno galego abriu aos concellos o Portal de Interoperabilidade PasaXe! para evitar que os cidadáns teñan que presentar os mesmos documentos na administración autonómica e local.

Como lembrou Feijóo, dito portal permite o intercambio de información entre as administracións, evitando ao cidadán achegar documentación que xa obra en poder delas, ademais de unificar nun único punto as relacións con outras administracións.

Segundo engadiu o titular da Xunta, nos primeiros catro meses do ano rexistráronse preto de 130.000 consultas, “é dicir, evitouse a petición de 130.000 documentos para 130.000 galegos ou galegas que teñen unha relación coa Administración da Xunta”, matizou.

O mandatario galego especificou que PasaXe! permite consultar 30 tipos de certificados, como o documento de identidade, o certificado de dependencia, da renda, datos catastrais, títulos universitarios, os certificados de nacemento, de matrimonio ou de defunción ou a alta na Seguridade Social, entre outros. Trátase de documentos achegados por 13 entidades distintas: ademais da propia Xunta, 11 organismos estatais (ministerios, Dirección Xeral da Policía…) e a Comunidade autónoma de Navarra, a través dun convenio bilateral.Consello da Xunta_0406_2014

Neste senso, Feijóo sinalou que “a colaboración entre os distintos departamentos e as distintas administracións é a base desta plataforma, á que imos incorporar novas administracións e novos servizos”.

 

INCORPORACIÓN DOS CONCELLOS E NOVOS SERVIZOS

Deste xeito, a Xunta vai poñer o portal a disposición das entidades locais de xeito inmediato e xa neste mes incorporaranse a Deputación da Coruña e os concellos de Abegondo e Laracha.

Como sinalou o titular do Goberno galego, “o obxectivo é que progresivamente se vaian sumando o conxunto das distintas administracións locais”.

Por outra banda, Feijóo sinalou que está prevista a aprobación dunha Orde que fixe as directrices para o intercambio de datos, que potenciará a incorporación de novos servizos da Administración autonómica á plataforma.

En todo caso, xa a curto prazo incorporaranse novos servizos á plataforma, como os certificados de discapacidade; os de familia numerosa; os documentos acreditativos de estar ao corrente nas débedas coa Axencia Tributaria Galega; ou o certificado de parella de feito.

En resumo, “seguimos impulsando un instrumento que é útil e que é beneficioso”, subliñou o presidente da Xunta. Nesta liña, destacou que “é útil para a Administración”, xa que o feito de que non se teñan que presentar constantemente os mesmos papeis axiliza os trámites e reduce moita burocracia; “é útil para os cidadáns”, que ven reducidas de forma moi notable cargas administrativas que eran innecesarias; e “é beneficioso para todos”, xa que o obxectivo é “acadar un millón de consultas” no ano 2016, polo tanto, “un millón de servizos”, o que posibilitará “un aforro de cargas para os cidadáns” e tamén un aforro para a Administración “de algo máis de cinco millóns de euros anuais”, especificou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar