Feijóo aposta pola transmisión interxeracional na asamblea de Empresas Familiares

Feijóo destaca que nos últimos cinco anos a Xunta facilitou fiscalmente a transmisión
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe, no marco da asemblea xeral de socios da Asociación Galega da Empresa Familiar, que nos últimos cinco anos, entre 2010 e 2014, a Xunta facilitou fiscalmente a transmisión interxeracional de empresas e negocios a 5.120 contribuíntes, deixando de recadar preto de 60 millóns de euros.

O mandatario galego apuntou que na procura dunha mellor planificación da sucesión nas empresas familiares, a Xunta está a promover beneficios fiscais como a redución na base impoñible do 99% para que non se tribute pola transmisión -ben sexa herdanza ou doazón- de empresas ou de participacións nelas. O obxectivo, dixo, é que manteñan o seu nivel de competitividade sen interromper o reemprazo xeracional.

Feijóo_Escotet_Perez Nieto_clausura congreso_xuntanza empresa familiar_Hostal

Neste contexto, indicou que entre 2010 e 2014 o número de empresas e negocios que se viron beneficiados desta redución no imposto de sucesións foron 4.570, cun importe total de 39 millóns de euros. E, de igual xeito, sinalou que os beneficiarios do imposto de doazóns foron neste mesmo período 550 contribuíntes, acadando un importe global de 18,1 millóns de euros.

Ao respecto manifestou que a Xunta segue apostando pola baixada de impostos porque é, subliñou, “a liña na que cremos; é a liña que seguimos; e é a liña que seguiremos, toda vez que a economía se está poñendo en situación de que poidamos facer revisións da nosa política fiscal nos vindeiros exercicios”, aseverou.

“Pensamos que aqueles que queiran reinvestir nas súas empresas, que queiran crecer e facer investimentos teñen que ter aínda un trato fiscal máis razoado e razoable”, incidiu

CONSOLIDACIÓN DA RECUPERACIÓN ECONÓMICA

Feijóo destacou que o verdadeiro valor das empresas familiares, ademais da experiencia adquirida ao longo de anos de traxectoria en circunstancias moi dispares, é a súa capacidade para fusionar o coñecemento acumulado polas xeracións pasadas co espírito renovador e innovador das xeracións vindeiras. E salientou que asumiron de pleno o que a crise económica demandaba: máis internacionalización, máis innovación e máis emprendemento, dixo, polo que son unha parte implicada na etapa de recuperación que está a iniciar Galicia e o conxunto do Estado.

Como mostra desta tendencia positiva, citou os datos do paro relativos ao mes de maio, cun descenso en todos os treitos de idade e en todos os sectores da actividade económica. E, na mesma liña, referiuse ao crecemento rexistrado pola economía galega no primeiro trimestre deste ano, cando o PIB da Comunidade medrou un 0,5% e rexistrou o seu mellor comportamento desde 2007. É dicir, o crecemento trimestral do PIB galego multiplicouse por cinco con respecto ao último trimestre de 2014 e acada un incremento interanual que o sitúa no seu nivel máis alto desde mediados de 2010.

 

Feijóo_Escotet_Perez Nieto_clausura congreso_xuntanza empresa familiar_Hostal_2

O mandatario galego asegurou que a Xunta, da man das empresas, está a aboar o terreo para que Galicia sexa unha terra fértil para o emprendemento, e está activando os recursos precisos para dinamizar a economía e a competitividade das empresas galegas: desde o punto de vista do financiamento; no eido normativo, cunha Lei do emprendemento que simplifica os trámites burocráticos e suprime a licenza municipal por unha comunicación previa; ou cun decreto que crea as Entidades de certificación de conformidade municipal (ECCOM), que facilitan as tramitacións ante a Administración; “e, tamén no eido financeiro”. E, en termos estratéxicos, coa axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0, aprobada o pasado mes de maio, e que destinará 120 millóns de euros para reactivar a industria galega desde o plano tecnolóxico, poñendo especial atención nas pemes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar