Letras Galegas: «Figueira foi un dos grandes capítulos da cultura galegas»

Xesús Alonso Montero_PP

Filgueira Valverde, «sabio» e «erudito» de «ampla biografía galleguista«, representa para o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, unha personalidade capital na historia de Galicia, cunha traxectoria vital se posiciona como «un dos oito ou dez grandes capítulos da cultura galega dos séculos XIX e XX».

Trátase dunha figura que equipara a Otero Pedrayo e que lle marcou persoalmente dende o 23 de abril de 1948, data na que un mozo Alonso Montero, que por aquel entón estaba a finalizar 7º de bacharelato en Vigo, presenciou por «primeira vez» unha conferencia do propio Filgueira sobre Cervantes, segundo rememorou o académico nunha entrevista concedida a Europa Press.

«Dende aquela estiven moi atento ao que fixo este profesor», asegura o presidente da RAG, quen destacou que «non» había cousa que Filgueira escribise e publicase sobre lírica que non lese» e que as súas obras o acompañaron ao longo da súa vida académica, sobre todo cando indagou en materia medieval galego-portuguesa, tema no «erudito» pontevedrés era unha «autoridade».

Alonso Montero tratou «moito» co vello polígrafo e mantivo con el «unha relación moi afectiva» dende a súa primeira conversación «en outubro do ano 60», en Lugo, chanceando con que chegou a ocupar «a súa cátedra 20 anos despois». «Era unha persoa de rigorosa moral, bondadosa e xenerosa, que fixo todo o ben que puido antes e despois do 36», destacou do fundador do Seminario de Estudos Galegos.

«UN OBREIRO DA CAUSA GALEGA»

Ese ano marcou un cambio na biografía de Filgueira Valverde e do galeguismo da época, tanto pola súa baixa do Partido Galeguista no 35 como polo estourido da Guerra Civil. Pero Filgueira, católico e conservador, marchou «non por razoas lucrativas, senón de conciencia», explicou Montero, dado que entendía que non debía pactar «coas forzas laicas e revolucionarias da Fronte Popular», como si quería o seu partido.

Este afastamento non lle impediu «votar si» ao Estatuto de Autonomía dende a dereita galeguista, nin manter o seu respecto e relación con outros grandes protagonistas do movemento que quedaron á esquerda. Así recórdao Alonso Montero, citando «un famoso artigo» de Alexandre Bóveda redactado «poucos días despois» da marcha do profesor do Partido Galeguista no que asegura que Filgueira, «onde queira que estivese, sería un obreiro da causa galega».

«E así o foi», insistiu Montero, mesmo durante o réxime franquista, época na que chegou a asumir o cargo de rexedor local de Pontevedra durante algún tempo, e que «os polemistas» coa súa elección por parte da RAG para as Letras Galegas deste ano consideran uns «momentos que quizais non son moi luminosos» na súa traxectoria vital.

É en Pontevedra, na súa etapa como rexedor, onde están «as súas grandes creacións institucionais», como o Museo de Pontevedra, o museo provincial máis importante de España, «a nena dos seus ollos»; ou o instituto, onde os mozos participaban en actividades educativas e deportivas como en ningunha outra escola e mesmo «ían ao estranxeiro». Posteriormente, no 70, defendeu «con éxito» nas cortes franquistas a presenza do galego no ensino.

«AUTORIDADE MUNDIAL»

Coa súa tese sobre a ‘cantiga 103′, Filgueira, que aos 12 anos devoraba «libros eruditos áridos que só lían algúns maiores, » converteuse en «unha autoridade mundial nun período da literatura galega moi importante»: a historia da lírica universal e dos cancioneiros profanos, ademais de nun gran coñecedor das figuras de Cervantes e Camoens.

Non se pode un achegar á figura de Vide, Rosalía, Otero Pedrayo ou Pintos, sen ter en conta o que ten publicado Filgueira Valverde, ou especializarse en cancioneiros de tradición oral sen ter en conta os seus traballos», apuntou Alonso Montero.

A pesar de que o presidente da RAG pon «acento» na súa vertente de erudito, filólogo e profesor, Filgueira «foi tamén un creador» con obras que, se bo «non teñen a relevancia» da súa obra ensaística e investigadora, si proban que era unha personalidade moi completa», que «só ten comparación en Otero Pedrayo«.

En ‘Seis cancións do mar in modo antico‘, Filgueira evidenciou o seu carácter «especialista» na lírica medieval, mentres que tamén pasou polo xénero do teatro con ‘Agromar‘, unha obra na que expresou ben o seu pensamento católico e  conservador», e abordou «unha problemática sociolingüística de xente de aldea e xente de cidade», e de «ricos e pobres», que «ningún dramaturgo trataba ata o 36».

 

PLENO NO MUSEO

Como broche de ouro á conmemoración das Letras Galegas, a Real Academia Galega celebrará unha sesión aberta do seu pleno no Museo de Pontevedra, ás 12:30 horas do 17 de Maio, na que intervirán tanto o propio Alonso Montero, coma Francisco Díaz-Fierros, Barreiro Fernández ou Víctor Freixanes, que foi alumno seu no instituto,».

Así mesmo, coa colaboración da Fundación Barrie, celebrarase un concerto en memoria do pontevedrés interpretando diversas cancións de lírica medieval, como a cantiga 100 de Alfonso X, ou parte da obra lírica do propio Filgueira musicada por Rogelio Groba, entre outras.

 

 

 

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar