O vicepresidente Rueda reitera o compromiso da Xunta co pobo saharaui

Alfonso Rueda_delegación Saharaui en Galicia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou en Vigo na homenaxe ‘40 anos de loita pola dignidade’, no que aproveitou para renovar o “compromiso inequívoco” do Goberno galego co pobo saharauí, un compromiso que se vén demostrando desde hai xa dez anos a través do envío continuado de axuda humanitaria aos campamentos de refuxiados.

O acto tivo lugar no Instituto Feiral de Vigo e estivo organizado pola Asociación de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e a Delegación Saharauí en Galicia. Rendéuselle homenaxe a cinco persoas pola súa entrega común pola dignidade e a liberdade deste pobo, non só desde Galicia e España senón tamén nos propios territorios ocupados e nos campamentos de refuxiados.

Entregáronse recoñecementos a Embarca Brahim Bumajruta, dos Campamentos de Refuxiados Saharauís; Sidi Mohamed Dadach, dos Territorios Ocupados; Fernando Peraita Lechosa, de Artifariti – Encontros Internacionais de Arte e Dereitos Humanos no Sáhara Occidental; Carmelo Ramírez Marrero, da Federación Estatal de Institucións Solidarias co Sáhara; e José Taboada Valdés, presidente en Galicia da Coordinadora Estatal de Asociacións Solidarias co Sáhara.

Rueda lembrou que hai apenas uns meses tivo ocasión de visitar os campamentos de refuxiados saharauís en Tinduf, Arxelia, onde comprobou de primeira man os proxectos que está a desenvolver a Asociación de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) en materia sanitaria e que se prevé que poidan beneficiar a unhas 6.000 persoas.

O obxectivo destas actuacións é contribuír a mellorar as condicións de vida da poboación refuxiada saharauí, con especial atención aos nenos e nenas, mulleres embarazadas e persoas maiores. A poboación saharauí é considerada como “prioritaria” dentro dos distintos plans directores da Cooperación Galega e por iso desde 2006 a Xunta vén colaborando coa SOGAPS financiando diferentes proxectos sanitarios e alimenticios na zona.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar