Xunta e Consello Xeral do Poder Xudicial impulsan a mediación intraxudicial

Alfonso Rueda_presidente Consello Xeral Poder Xudicial_Carlos Lesmes

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial, Carlos Lesmes, asinaron hoxe un convenio de colaboración en materia de mediación intraxudicial que ten coma principal obxectivo impulsar a mediación coma formula alternativa ou complementaria ao proceso xudicial.

Alfonso Rueda destacou que a mediación intraxudicial é un sistema de resolución de conflitos que proporciona unha solución eficaz, rápida e que ademais contribúe a descargar traballo dos xulgados, sendo especialmente útil no ámbito familiar onde a Xunta foi pioneira en promover a mediación no ano 2009 cun proxecto piloto en Santiago.

O convenio hoxe asinado entre o Consello Xeral do Poder Xudicial e as CC.AA con competencias transferidas en materia de xustiza establece as condicións para o impulso da mediación e outras formas de resolución de conflitos coma alternativa ao proceso xudicial, polo que se crean mecanismos de comunicación entre ambas institucións que permiten o intercambio fluído de información e facilitan un adecuado coñecemento dos recursos dispoñibles e do seu funcionamento co fin de axilizar a súa xestión.

Esta sinatura redundará nun mellor aproveitamento tanto dos servizos xudiciais como dos de mediación e restantes instrumentos de resolución pacifica de conflitos, contribuíndo a unha maior difusión e sensibilización social. Así, procurará incluír a mediación no asesoramento e orientación gratuítos previos ao proceso de asistencia xurídica gratuíta, dar unha maior uniformidade ao sistema en todo o territorio, maior difusión da mediación, así como dispoñer de estatísticas de como está a funcionar o sistema en toda España.

Mediación intraxudicial na nosa comunidade
Na nosa comunidade, desde o ano 2009, a Xunta está a impulsar proxectos de mediación intraxudicial no ámbito da familia, coma un sistema alternativo ou complementario para a solución pacífica de conflitos, co fin de procurar unha xestión máis eficaz, rápida e satisfactoria do proceso xudicial.

O proxecto inicial púxose en marcha no partido xudicial de Santiago, para logo estenderse a Ourense, Vigo, Pontevedra e Lugo, aos que se unirá este mesmo ano o partido xudicial da Coruña. A maiores, porase en marcha un proxecto piloto de mediación no ámbito penal en Santiago en colaboración coa Universidade, a través do Centro Integral de Análise e Resolución de Conflitos da USC.

Ata o de agora, en Galicia a mediación intraxudicial está a acadar magnificos resultados, xa que, tan só no ano pasado, máis do 60 por cento dos asuntos finalizaron con acordo entre as partes, o que conlevou non ter que ir a xuízo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar