Hoxe, preestrea da nova serie de TVG «Hospital Real»

Hospital Real_TVG
Hoxe poderase gozar no Auditorio Abanca de Santiago da presentación dunha nova serie da TVG, que transportará os espectadores cara a finais do século XVIII para reproducir con todo luxo de detalles como era naquela época a actividade do Hostal dos Reis Católicos. “Hospital Real” é o título desta coidada ficción, idea orixinal de Julio Casal e Mamen Quintas (Ficción Producciones) e dirixida por Jorge Cassinello, cuxo reparto vén encabezado por Mariña Sampedro e Pedro Freijeiro. A preestrea, aberta ao público, terá lugar o próximo martes (28 abril), ás 19.30 horas, coa proxección do primeiro episodio.

A historia sitúase a finais do século das luces, cando o Camiño de Santiago era unha vía perigosa, había inestabilidade política e o Hostal dos Reis Católicos era o hospital de Compostela. Neste contexto coñécese a parella protagonista, que deberá facer fronte ás enormes barreiras sociais que os separan. Ao nacemento desta relación amorosa uniránselle outros ingredientes como asasinatos, intrigas ou mesmo daranse a coñecer os tratamentos e a medicina da época. Cómpre salientar a esmerada realización de decorados nesta serie, exteriores e interiores, como a botica do hospital ou as salas de enfermeiras e enfermos, e o instrumental cirúrxico.

REPARTO

“Hospital Real” conta amais entre o seu amplo elenco con destacados actores do noso país como Francis Lorenzo, Sonia Castelo, Nerea Barros, Antonio Durán ‘Morris’, Miguel de Lira, Camila Bossa, Susana Dans, Javier Gutiérrez, Xosé Barato, Xúlio Abonjo, Pedro Alonso, María Vázquez, Tamara Canosa, Luis Zahera, Carlos Blanco e Federico Pérez.

O público interesado en asistir á preestrea desta nova ficción, que realiza Ficción Producciones para a TVG, pode solicitar a invitación no enderezo electrónico rrpp@crtvg.es ou chamando ao número de teléfono 981 540 642.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar