Cultura e Educación colabora con Feiraco nunha nova campaña das Letras Galegas

A Consellería de Román Rodríguez colabora coa cooperativa agrogandeira galega que levará aos fogares de Galicia ‘O mellor de Filgueira Valverde’ nunha edición especial de envases de leite, no marco das súas accións de responsabilidade social
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora con Feiraco nunha nova campaña conmemorativa das Letras Galegas 2015. Así o anunciaron esta mañá o conselleiro Román Rodríguez e o presidente de Feiraco, José Montes Pérez, nun acto que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia.

“Filgueira Valverde foi un auténtico polígrafo que navegou con acerto polos mares das disciplinas máis diversas, pero sempre cunha única guía: Galicia. A mesma que tivo Feiraco cando desde a súa fundación, hai xa case medio século, se comprometeu co desenvolvemento económico e social do noso país”, dixo o conselleiro.

Román Rodríguez recordou que “para potenciar e coordinar as accións de galeguización empresarial e a promoción social do galego que se fai desde este ámbito, a Xunta de Galicia está a elaborar un Plan de dinamización da lingua no tecido económico para o que contará coa opinión e experiencia de entidades públicas e do empresariado. Sirva este acto de hoxe tamén para mostrar a nosa vontade de colaboración no espazo da empresa –con e para ela, pero tamén para a sociedade galega- a prol da nosa lingua”.

O titular da Consellería de Cultura e Educación e mais o presidente de Feiraco estiveron acompañados polos presidentes da Fundación Filgueira Valverde e da Real Academia Galega (RAG), José Fernando Filgueira e Xesús Alonso Montero, respectivamente. Ao acto tamén asistiron os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística -Anxo Lorenzo e Valentín García-, Pilar Filgueira e Silvia Filgueira.

Envase especial conmemorativo e certame de microrrelatos para celebrar as Letras
Feiraco súmase con esta campaña á programación institucional das Letras Galegas 2015 promovida pola Xunta de Galicia mediante dúas iniciativas que levarán “O mellor de Filgueira Valverde” aos fogares galegos nun envase especial conmemorativo, ilustrado cunha caricatura de Filgueira Valverde cedida pola Fundación Filgueira Valverde, nunha edición especial de un millón de envases de leite. O código QR incluído nos cartóns permitirá descargar en formato dixital o artigo “O galego verdadeiro” (pertencente á obra II Adral).

Parellamente, un certame de microrrelatos en galego no Facebook para o que se proporá como texto de partida un breve escrito do autor homenaxeado convidará os internautas desta rede social a festexar o 17 de maio poñendo en valor a lingua galega. Poderán tomar parte del desde calquera punto de España os autores noveis maiores de 18 anos que presenten un texto orixinal e inédito de, como máximo, 500 caracteres. Os catro microrrelatos máis votados gañarán cadansúa colección da Enciclopedia Galega Universal e os tres seguintes, cadanseu lote especial Letras Galegas de Feiraco composto por produtos alimentarios e culturais.

Promover a lingua propia desde a responsabilidade social
Feiraco constitúe desde a súa fundación, hai xa 45 anos, un exemplo de compromiso empresarial, tanto nos seus valores e métodos de traballo dirixidos á vertebración do tecido social e do desenvolvemento económico, como noutras actividades con proxección social que a cooperativa agrogandeira leva posto en marcha ao longo a da súa historia. Exemplos da súa aposta pola identidade patrimonial, cultural e tradicional son as campañas implementadas coincidindo coa celebración de efemérides anuais como poden ser as Letras Galegas, o entroido ou as postas en marcha en colaboración co ámbito educativo para achegarlles a realidade dos procesos produtivos a escolares de toda Galicia, no marco das súas accións de responsabilidade social.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar