É a guerra, coidado con Crespo

«É a guerra, é a guerra…», berran os voceiros da dereita en Madrid. E reflexionan: «todo é susceptíbel de ser usado na puxa interna entre María Dolores de Cospedal e Soraya Sáenz de Santamaría pensando na etapa posterior a Raxoi». «É a guerra, é a guerra…», volven a vocear outros, para afirmar a continuación que «o PP vai acabar coma UCD».

A verdade é que o Partido Popular, ultimamente, é ben cuspidiño ao Camarote dos Irmáns Marx.

Un olla como zoan as balas amigas do ABC afirmando que Raxoi foi informado da detención e rexistro na casa de Rodrigo Rato, así que non tivo novas pola presa como declarou solemnemente. O ABC chamándolle mentirán!

Estas guerras acábaas gañando aquel que máis armas teña ou menos escrúpulos en usalas, a non ser que sexa Mariano Raxoi e se quede corpo a terra agardando a ver como se esnaquizan, mentres os inimigos de trincheira levantan a cabeza para saír na foto pensando que o presidente é lelo.

No PP hai dous grandes provedores de armamento pesado que poden desnivelar a contenda civil. Por un lado está Luis Bárcenas que o sabe todo de todos. Dos de agora e dos de antes. Por outro, está Pablo Crespo, que tamén sabe moito, sobre todo da súa etapa galega. Daquelas aínda non estaba Núñez Feixó, por iso se move tanto. Coidado que pode embocar a nave!

Se eu fose dirixente do PP galego estaría moi preocupado con esta guerra fratricida. Con quen vai estar Pablo Crespo? A quen lle alugará os seus servizos? Onde se situará? Teimará só en salvarse?

De momento, xa concedeu unha ampla e documentada entrevista na que, entre outras moitas cousas, algunhas denunciadas no seu día por quen isto escribe, afirma: «Teño moitos recibís de diñeiro negro, pagados a cargos do PP, xornalistas e asesores». Si, en toda guerra existen as vítimas colaterais e nesta non podía ser menos. Pero moitos non caen por casualidade.

Supoño que os xornalistas sobrecolledores, presumindo sempre da súa independencia e negando calquera inclinación ideolóxica, estarán procurando unha explicación a eses xustificantes de Crespo. E os asesores-profesores que sempre renegaron da súa conivencia co poder, pero que tamén recibían miles de pesetas en diñeiro negro, estarán tremendo con esta guerra que os pode presentar coma virachaquetas e defraudadores. Eles saben quen son. Nós…, tamén.

«Corpo a terra que veñen os nosos», berran sempre os políticos avezados e curtidos en mil batallas internas cando a trifurca se pon fea. «É a guerra, é a guerra…». Non pensen que, porque o fronte estea en Madrid, aquí non van existir mortos.

Alfonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar