Jesús Vázquez propón retirar o matadoiro municipal do entorno termal da Chavasqueira

Jesús Vázquez Abad_campaña

 

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Ourense, Jesús Vázquez, propón como medida urxente o traslado do actual matadoiro municipal para alonxalo do entorno termal da Chavasqueira ao considerar que “é unha infraestructura incompatible co uso termal e de ocio desa zona da cidade”.

Vázquez, que xa trasladou esta proposta á directiva da Asociación de Veciños da Chavasqueira e que está incluída no programa electoral do Partido Popular, explicou que os actuais xestores “teñen unha concesión que remata no ano 2017, polo que ese é o prazo de tempo que temos para atopar un lugar alternativo, que entendo debe estar nunha zona de carácter industrial e non nun entorno coma o actual”.

O alcaldable popular considera imprescindible esta medida para poder desenvolver as posibilidades termais deste entorno e apostou por buscar novas ofertas de ocio e saúde a desenvolver no espazo comprendido entre a Chavasqueira e o Tinteiro por existir terreos suficiente para acometelas e pola posibilidade de desenvolver proxectos que acaben integrando as diferentes ofertas termais deste barrio. “Xunto coas Burgas, o entorno da Chavasqueira e do Tinteiro teñen que ser os dous motores do termalismo en Ourense”, dixo.

No eido do termalismo, Jesús Vázquez xa anunciou tamén que pedirá a implantación do grao de Formación Profesional de Termalismo na cidade de Ourense “porque non hai outra que reúna as características que ten esta cidade para albergar unha titulación como a vencellada ao mundo termal”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar