As cámaras xa estaban alí

«Abra, por favor, é a policía». Cando chamaron ao porteiro automático da casa de Rodrigo Rato, as cámaras das televisións xa estaban gravando. Era a hora de máxima audiencia. Todo preparado para entrar nos telexornais. Para que puidese ser portada dos periódicos e os comentaristas tivesen tempo de tracatear cos seus dedos para furgar na ferida actual sacando pedazos de historia.

Foi unha operación promovida polo ministerio de Facenda. Rato era a primeira das 705 persoas relacionadas coa política que se acolleron a amnistía fiscal que recibía a visita da lei.

Rodrigo Rato foi o orgullo e agora era a vergoña do PP. Como presidente de Bankia, foi o artífice da maior estafa económica recente. Pero tamén o símbolo dun milagre económico que se esfarelou atrapando e mancando na súa caída ao 95% da sociedade.

O símbolo da España da Transición que entronizou ao «capitalismo dos amígallos».

O Rato que xa perpetrara as súas tropelías empresariais antes de ser ministro aínda que ninguén queira lembrase agora. O Rato da liberalización do chan, os das leis que permitiron o disfrute das institucións de aforro por unha minoría que as gobernaba como leira propia. Rodrigo Rato o das preferentes…

Mariano Raxoi había máis de seis meses que non lle dirixía a palabra. Mariano, un home moi listo ao que non lle importa parecer parvo en Madrid, algo preparaba.

Ao PP, segundo todos os analistas, xa non lle chegaba co discurso da melloría económica para remontar os resultados nos inquéritos. Os cidadáns tiñan agora nos miolos a palabra corrupción. Unha corrupción que batía día tras día contra do partido até desangralo pouco a pouco regando de votos a Ciudadanos só por non ter pasado.

Era preciso practicar unha terapia de choque. Arriscada, si, coma calquera intervención a vida ou morte, pero imprescindíbel.

Así que escolleron a Rodrigo Roto para mandarlle á cidadanía dúas mensaxes forza. A primeira, que a corrupción está sendo perseguida, presentando ao Goberno como implacábel ante a fraude, mesmo se é unha persoa tan próxima e importante como o que ía ser o sucesor de José María Aznar.

A segunda, que o goberno, o PP, garante que a lei é igual para todos. Que non existen favoritismos nin atallos. E que mellor campaña, que mellor mensaxe que a detención dun Rodrigo Rato que era exposto á hora de máis audiencia televisiva. Por iso, cando chegou a policía, as cámaras estaban alí. Por iso a operación partiu dos Ministerio de Facenda… Mariano Raxoi ten boa memoria e lembrouse de cando Felipe González fixera o mesmo con Mariano Rubio.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar