‘Galicia Open Future’: Proyectos tecnológicos nacidos en Galicia están ya en el mercado

Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que case a metade dos proxectos tecnolóxicos presentados no programa de emprendemento ‘Galicia Open Future’ están xa en fase de comercialización.

Durante o acto de entrega dos premios desta convocatoria, Feijóo felicitou a todos os participantes pola súa capacidade para sacar o máximo proveito desta experiencia, na que se levaron a cabo máis de cincuenta actividades formativas, diversos encontros con expertos e máis de 370 horas de adestramento coas empresas implicadas.

Máis polo miúdo, salientou que o 44% dos 136 proxectos presentados están xa en fase de comercialización. O 40% das iniciativas avanzaron no seu estado de madurez durante a súa estadía no programa; e outro 10% reenfocou a súa proposta inicial grazas ao asesoramento e apoio de expertos que colaboraron na iniciativa.

Así mesmo, a boa evolución dos proxectos levou o 32% dos equipos a incorporar novos membros. E, ademais, moitos dos emprendedores que desenvolveron os seus proxectos puideron participar en eventos de alcance internacional no eido tecnolóxico.

Durante a súa intervención, Feijóo tivo tamén palabras de recoñecemento para os responsables dos tres proxectos que resultaron premiados nesta edición; tres programas tecnolóxicos con aplicacións no ámbito da xeolocalización de interiores, no sector vitivinícola, ou no eido da informática e a supercomputación.

Cómpre salientar, ademais, que a previsión é que a segunda convocatoria do Galicia Open Future comece a principios de maio deste ano 2015, e a terceira se realice en 2016.

Ademais de incidir en que Galicia conta con capital humano, con soporte investigador e con tecido empresarial para continuar consolidando o sector TIC como un dos grandes catalizados da economía galega; Feijóo afirmou que programas como Galicia Open Future permiten sumar esforzos e aproveitar sinerxías para sacar o máximo proveito do sector tecnolóxico e ofrecer novas oportunidades aos emprendedores.

O responsable autonómico afirmou que a capacidade transformadora da tecnoloxía é un activo que non se pode desaproveitar. “O potencial tecnolóxico de Galicia é unha das ferramentas nas que nos imos apoiar e un dos piares nos que se vai sustentar a economía galega”, aseverou, lembrando que, no ámbito docente, as carreiras TIC contan con máis de 4.000 matriculados no Sistema Universitario Galego; e, como sector, está integrado por máis de 2.000 empresas e máis de 15.200 traballadores.

Feijóo concluíu agradecendo a Telefónica a súa aposta por Galicia, que se converteu na primeira Comunidade en abrir unha convocatoria da Rede Open Future.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar