O Sergas renovará os equipos tecnolóxicos de hemodinámica

Equipamento hemodinámica Sergas_Lugo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, explicou que a Xunta renovará os equipos tecnolóxicos dos servizos de hemodinámica dos hospitais do Servizo Galego de Saúde. “Demos luz verde á renovación dos equipos de intervencionismo guiado por imaxe en cardioloxía, é dicir, os equipos necesarios para os servizos de hemodinámica”, avanzou.

Feijóo precisou que esta renovación se levará a cabo cun investimento público de 4,6 millóns de euros. Esta supón a segunda acción dentro do plan de renovación tecnolóxica dos hospitais galegos, no que se investirán 88 millóns de euros, trala adquisición de dez novos aceleradores lineais para os servizos de radioterapia, empezando polos do hospital público de Lugo.

O líder do Executivo autonómico afirmou que esta actualización se levará a cabo naqueles hospitais nos que a maquinaria “leva anos funcionando e debe ser mudada por tecnoloxía de última xeración”. Isto é, terá “un grande impacto” nos tres grandes hospitais da comunidade autónoma: o de Vigo, o de Santiago e o da Coruña. As súas salas de hemodinámica se renovarán e, posiblemente, ampliarán, como avanzou o presidente.

Continuando con este proceso de actualización tecnolóxica, segundo concluíu Feijóo, a Xunta segue “mellorando a calidade asistencial e as capacidades do equipamento do Servizo Galego de Saúde” e consolidando “unha das mellores hemodinámicas do sistema nacional de saúde”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar