Lugo: Demolición dunha casa no barrio de Chanca para crear un novo espazo verde

Demolición casa do rato_Lugo

Comezaron os traballos de demolición da casa abandonada do río Rato, para proceder á creación de novos espazos verdes na zona, tal e como avanzaron, o pasado 27 de marzo, o Alcalde, José López Orozco, e a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez. Estes traballos, que as condicións do edificio facían inaprazable, contan cunha partida de 100.000 euros procedentes de fondos propios da Deputación.

A desaparición do inmoble situado no lugués barrio da Chanca, en ruínas a causa dun incendio, permitirá a creación dun espazo axardinado de uso público. As tarefas comezaron hoxe coa demolición do inmoble, unha vez quedaron retirados os cabos da vella instalación eléctrica, e rematarán, previsiblemente, a finais desta mesma semana.

A eliminación deste edificio, inaprazable por mor das condicións actuais que presentaba, enmárcanse nunha liña de actuación acometida de xeito conxunto polo Concello e o organismo provincial, encamiñada á mellora da contorna dos ríos Rato e Fervedoira, parte do cinto verde da capital luguesa.

Logo de que a Deputación adquirira a edificación de tres plantas, e previa á preceptiva orde de derribo do Concello, os traballos que hoxe comezaron darán coma resultado unha maior amplitude de espazos na zona do paseo do río, ao tempo que os lugueses contarán cun espazo de uso público máis.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar