Curso de hacking ético para dar resposta a demanda do novo perfil profesional

O hacking ético é unha profesión en alza nos últimos anos, desas que medran ao ritmo das novas tecnoloxías e dos seus riscos. Cada vez máis solicitada tanto por entidades e institucións públicas como por organizacións empresariais, que buscan profesionais capaces de protexer os sistemas de computación de invasións perigosas, está a producirse na actualidade un déficit deste perfil profesional para dar resposta ás crecentes amenazas cibernéticas.

Ante esta progresiva demanda, o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) organiza un curso sobre Auditoría e Hacking Ético en Santiago, que terá lugar os días 17, 18, 24 e 25 de abril. Está dirixido a profesionais e estudantes das enxeñarías en informática, que adquirirán os coñecementos e capacidades necesarias para a realización de auditorías de seguridade e test de intrusión en sistemas informáticos. O obxetivo do CPETIG con esta iniciativa é contribuir a que Galicia conte con profesionais cualificados nun ámbito que require unha alta especialización e no que a falta de regulación contribúe a que profesionais sen os estudos e cualificación adecuada realicen labores de auditoría informática, coa evidente perda de calidade e riscos que supón para empresas e cidadanía en xeral.

EXPERTOS EN SEGURIDADE TIC

O curso será impartido por Juan Luis García Rambla e Ignacio Briones, dous reputados expertos en seguridade TIC que colaboran con grandes compañías como Repsol YPF ou a Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos, FORTA. García Rambla, con experiencia en proxectos de Intelixencia Militar, ten desenvolvido tarefas relativas á guerra electrónica e ten formado ás unidades tecnolóxicas máis importantes dos corpos de seguridade do Estado, fundamentalmente en materia de ciberterrorismo e delitos telemáticos. Colabora coas forzas e corpos de seguridade do Estado en aspectos relacionados coa seguridade dos sistemas. Pola súa banda, Ignacio Briones colabora tamén en ámbitos forenses dixitais con diversos corpos de seguridade do Estado, entre eles o CNI.
O traballo do hacker ético consiste en realizar probas en redes para encontrar vulnerabilidades, reportalas e recomendar as medidas necesarias. Con este propósito, os hackers éticos efectúan un ataque controlado á infraestrutura informática dunha organización, para identificar vulnerabilidades potenciais, alertar dos riscos de seguridade informática detectados e avaliar como correxilos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar