Crece a audiencia da TVG, que supera ás demáis autonómicas

image

Os datos da primeira onda do Estudio Xeral de Medios (EXM), aumentan a posición de liderado da Televisión de Galicia, xa que a canle pública galega fortalécese como a máis vista no período, cunha cota de pantalla estimada do 18,5% no cómputo dos sete días da semana. A Galega rexistrou un aumento espectacular en datos comparados co mesmo período do ano anterior, xa que medrou un 45,7%. Ademais, colócase como a televisión autonómica máis vista.

Con respecto á onda inmediatamente anterior, a terceira do ano 2014, o incremento da canle autonómica foi de 3,1 puntos de cota de luns a domingo e de 1,4 puntos de luns a venres. Isto significa un crecemento do 20,1% e do 8,4%, respectivamente, en relación as audiencias do estudio anterior.

A Televisión de Galicia tamén sae vitoriosa se se analizan os datos do período de luns a venres. Nesta ocasión, o seu share estimado é do 18,1%, situándose o competidor máis próximo (La 1) a 6,5 puntos e superando un 41,4% os rexistros existentes un ano antes. No que se refire ao prime time, a TVG acadou unha cota media do 14,2% de luns a domingo e do 14,9% de luns a venres.

Nesta onda non están visibles os datos do grupo Mediaset, que se deu de baixa da Asociación para a Investigación dos Medios de Comunicación (AIMC), responsable deste estudio elaborado mediante enquisas, a diferenza do de audimetría xestionado pola empresa Kantar Media. Polo tanto, non se fixeron públicas nesta ocasión as porcentaxes de canles como Telecinco e Cuatro, pero estas si se teñen en conta para a asignación das demais televisións. Con este novo escenario, o competidor máis próximo da TVG é Antena 3, cunha cota de pantalla estimada do 10,8% de luns a domingo, a 7,7 puntos da Galega.

Radio Galega

A Radio Galega, pola súa parte, situou á beira dos 150.000 oíntes a súa audiencia media de luns a venres ao longo do último ano, período en que acada a segunda posición en Galicia. Se se suman os 19.000 oíntes da canle Radio Galega Música, elévase a 171.000 o número de persoas que segue algunha das sintonías da emisora pública.

Varios espazos da grella radiofónica incrementan oíntes, como “Galicia por Diante”, “Diario Cultural”, “Aquí Galicia” das 19.00 horas, “A Crónica” e “Galicia en Goles”. Ademais, como vén sendo habitual, o programa da madrugada “Pensando en ti” segue sumando seguidores. De feito, nesta última onda do EXM dobra a súa audiencia.

Os datos da primeira onda do EGM sitúan a audiencia da Radio Galega en 133.000 oíntes de luns a venres. Tendo en conta o último ano móbil, é dicir, o acumulado das tres últimas ondas, a emisora pública medra ata os 149.000 de luns a venres, rozando polo tanto ese listón os 150.000.

O share ou cota de participación da RG no total radio foi do 15,3% de luns a venres e do 14,8% de luns a domingo. Os minutos medios de escoita por oínte e día sitúanse de media en 145 de luns a venres e 146 de luns a domingo, o que supón un incremento de 16 e 12 minutos, respectivamente, con respecto á terceira onda de 2014.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar