Afundación presenta en Vigo e Pontevedra a representación teatral «Ao fin da estrada»

Al final de la carretera_da web do mesmo nome_teatro de Afundación_Abanca

A Fundación Galicia Obra Social, Afundación, presenta nos seus teatros de Pontevedra e Vigo a adaptación de Juan Carlos Rubio da obra de Willy Russell Al final de la carretera. A representación, dirixida por Gabriel Olivares, terá lugar o sábado 25 e domingo 26 de abril ás 20.30 h. As entradas están dispoñibles a través das canles habituais da entidade, en www.ataquilla.com ou ben na billeteira telefónica no 902 504 500 e no recinto do espectáculo o propio día da función.

En Al final de la carretera retrátase a crise interior de Rafa (Manu Baqueiro, coñecido polo seu papel de Marcelino en Amar en tiempos revueltos) o día en que cumpre 40 anos. Rafa ten un traballo ben remunerado, un precioso chalé con xardín e patio e está casado coa fermosa e atenta Laura (Melanie Olivares, famosa por representar o papel de Paz en Aída); poderíase dicir que ten todo o que pode desexar, mais, onde quedaron os seus soños de xuventude? Os ideais? Os tempos de mochileiro? E o espírito rebelde? A este estado de nerviosismo e desacougo de Rafa sumaranse os seguintes detonantes que farán da noite unha situación explosiva: a visita para cear dos seus amigos Victoria e Alfonso (aos que darán vida Marina San José, de Amistades peligrosas, e Raúl Peña, de La bella y la bestia e Un paso adelante), os despistados pais de Rafa (que non paran de chamar por teléfono, pero nunca atopan a casa), a noticia duns vándalos que andan a esnaquizar os gnomos que adornan os simétricos xardíns, as cancións de David Bisbal e uns cantos litros de alcohol. Será ao longo desta caótica noite cando Rafa, Laura, Victoria e Alfonso chegarán á conclusión de que, aínda que non se teña a vida que un soñara nun principio, quizais a que che tocou non sexa tan mala. E se non, sempre queda a esperanza de escapar e chegar ao final da estrada. Serán capaces?

 

GABRIEL OLIVARES

Nado en Albacete e licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade Complutense de Madrid e en Dirección cinematográfica pola ECAM, conta cunha ampla traxectoria no mundo do espectáculo. Dirixiu e produciu distintas curtametraxes como La isla de la Osa e El carromato. En 2000 crea a produtora El Reló Producciones. Entre 2002 e 2004 forma parte do equipo de dirección de varios filmes entre os que destaca a película de James Bond. Die Another Day, rodada en Cádiz, e dirixe unha versión actualizada do clásico de Wilde La importancia de llamarse Ernesto en 2007, que tras seis meses de tempada en Madrid iniciou unha xira por toda a xeografía española. É en decembro de 2011 cando crea o taller de investigación e creación TeatroLab El Reló, co que desenvolve os espectáculos La caja (Le Carton) e Tierra trágame. Entre as súas últimas estreas destacan as do pasado verán de 2014: La extinción de los dinosaurios de Fran Nortes e Al final de la carretera de Willy Russell, adaptada por Juan Carlos Rubio.

 

JUAN CARLOS RUBIO

O cordobés Juan Carlos Rubio comeza a compaxinar o seu traballo de actor e presentador coa escritura de guións televisivos a partir do ano 1992. O seu traballo como guionista inclúe series coñecidas como Farmacia de guardia, Manos a la obra ou A las once en casa, mais tamén películas (como El calentito y Bon apétit) e obras de teatro (algunhas das máis coñecidas son: ¿Dónde se esconden los sueños?, Las heridas del viento ou Concha: Yo lo que quiero es bailar y El manual de la buena esposa). Se ben as súas obras foron un éxito a nivel nacional, tamén foron levadas ao panorama internacional, estreándose en países como Australia, Eslovaquia, Estados Unidos, Grecia, Perú ou Venezuela. Tamén puxo en escena como director as súas obras Humo, Arizona, Tres e 100m2 entre outras. Finalmente, cabe destacar que gañou numerosos premios como o Premio Ciudad de Alcorcón de 1998 por Esta noche no estoy para nadie o el Premio Lope de Vega de Teatro 2013 por Shakespeare nunca estuvo aquí, así mesmo foi galardoado en Nova York co premio HOLA (outorgado pola Asociación de Actores Latinos) como mellor director por El pez gordo en 2010.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar