Os hoteis galegos poderán ter o calificativo de «superior» xunto as estrelas

O Consello Galego de Turismo aprobou este venres a modificación do decreto de establecementos hoteleiros pola cal estes poderán ver recoñecidos na súa categoría os servizos complementarios que ofertan. Así, por exemplo, se un hotel de tres estrelas cumpre unha serie de requisitos, a maiores dos mínimos esixidos para a súa puntuación, poderá alcanzar a denominación de tres estrelas superior.

   «Este sistema pretende homoxeneizar as cualificacións dos establecementos galegos con comunidades pioneiras como Baleares ou La Rioja», explicou en declaracións aos medios a titular de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen asegurou que este texto «cumpre as demandas do sector» e equipara a Galicia con Europa.

En concreto, segundo precisou Nava Castro, este sistema de cualificación «novidoso» ten en conta, «ademais das infraestruturas, a calidade». É dicir, valora os servizos que, a maiores dos mínimos esixidos no seu rango, ofrece cada establecemento.

Ademais, o decreto separa a cualificación dos albergues. «Hai albergues de primeira categoría, de segunda e, despois, albergues de peregrinos», explicou a responsable de Turismo, quen precisou que esta «especificidade» responde ás diferenzas que teñen Galicia respecto a outras zonas.

Segundo avanzou Nava Castro, tras a aprobación do informe na reunión do consello Galego de Turismo deste venres, o decreto remitirase á asesoría xurídica e ao conselo Consultivo coa previsión de que «na tempada estival» estea en marcha.

«ANTIGA DEMANDA DO SECTOR»

Pola súa banda, o presidente do Cluster do Turismo de Galicia, Francisco González, destacou que este texto «recolle unha antiga solicitude do sector», como é que a cualificación dos establecementos de aloxamento «non fose unha cuestión de metros cadrados».

Así, conforme sinalou, a oferta que existe en Galicia a nivel de hospedaxe «é de moi alto nivel». «Calquera hotel de tres estrelas é un hotel de catro estrelas en cidades como París ou Roma, polas esixencias que o propio sector se fixo», apuntou.

Por iso, considerou que esta nova regulación «recoñece toda esta aposta feita polo sector empresarial dos servizos» e posibilita recoñecer «tódolos servizos» nun escenario no que a promoción online «é moi importante».

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar