A familia de José Couso reclama xustiza este domingo fronte a embaixada dos EEUU

Cámara José Couso
Familiares, amigos e compañeiros de José couso, concentraranse este domingo ás 12 horas fronte á embaixada de EE.UU. en Madrid para esixir xustiza cando se cumpren, este mércores, doce anos da morte do cámara galego de telecinco en Iraq.

No acto intervirán os seus irmáns, así como o Consello de Informativos de RTVE e a plataforma ‘Salvemos Telemadrid’, en defensa dunha información entendida como servizo público e dereito fundamental dos cidadáns. Contarase, ademais, coas actuacións musicais de Los Chikos del Maíz, o cantautor Orlis Pineada e Samba Da Rua.

Doce anos despois, o caso segue aberto na Audiencia Nacional e o xuíz instrutor, Santiago Pedraz, pediu axuda internacional, en concreto á rede europea Genocide Network, «ante a falta de asistencia xudicial por parte de Estados Unidos para xulgar os responsables da morte de couso, segundo afirmou a Asociación de Irmáns, Amigos e Compañeiros de José couso. O maxistrado acóllese, así, á IV Convención de Xenebra e recorda a obriga de investigar os crimes cometidos contra obxectivos civís en calquera lugar do mundo.

Couso faleceu a mañá do 8 de abril do 2003 en Bagdad, cando o hotel Palestina, lugar no que se aloxaban máis de 200 xornalistas, foi atacado polo exército norteamericano, tres informadores perderon a vida e varios resultaron feridos.

A asociación subliñou que «ningún responsable foi xulgado» e que «esta é a única causa aberta no mundo contra militares estadounidenses» na que cinco están imputados: sobre tres deles pesa unha orde de detención, mentres que para os dous restantes a familia de couso está á espera de que o xuíz resolva a petición de detención solicitada pola acusación exercida.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar