A Audiencia Nacional xulga hoxe a un membro de Resistencia Galega por unha acción terrorista

Carlos Calvo Varela_Resistencia Galega

A Audiencia Nacional xulga dende hoxe ao membro de Resistencia Galega Carlos Calvo Varela, que se enfronta a unha petición de pena de 16 anos de cárcere por colocar un artefacto explosivo nunha entidade bancaria de Vigo.

Os feitos producíronse na madrugada do 10 de outubro de 2011 cando, segundo o escrito provisional de acusación do fiscal Carlos Bautista, o home situou a bomba, composta por perclorato potásico e xofre, na entrada da sucursal que Novacaixagalicia tiña na praza Alameda Suárez Llanos da cidade pontevedresa.

Calvo Varela, a quen se atribúe un delito de integración en organización terrorista e outro de tenza de explosivos, levou a cabo a súa acción ocultando o seu rostro, conforme apunta o escrito do fiscal, que explica que deste xeito evitaba ser recoñecido nas imaxes que a cámara de seguridade do establecemento gravaba de forma continua.

O artefacto, que estaba dentro dun recipiente similar a un termo e dispoñía dun reloxo e un conector eléctrico, tivo que ser detonado polos TEDAX, o que evitou que se producisen danos materiais ou persoais.

En febreiro pasado o Tribunal Supremo rebaixou de 12 a sete anos de cárcere a condena que impuxera a Calvo Varela por entregar un artefacto explosivo ao seu compañeiro Xurxo Rodríguez que ía ser utilizado nun atentado contra unha sede do Partido Popular (PP).

PAQUETE BOMBA EN XUSTIZA

A Audiencia Nacional tamén xulgará o próximo xoves a etarra Itziar Alberdi por remitir, xunto ao tamén terrorista Joseba Urrusolo Sistiaga, un paquete bomba á sede do Ministerio de Xustiza, na rúa San Bernardo de Madrid, que causou a morte a tres membros dos Tedax de la Policía Nacional. Os feitos aconteceron o 25 de xuño de 1991 e a Fiscalía solicita unha condena de 128 anos de cárcere.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar