Innovación, xestión económica e «goberno verde», prioridades de Baltar para a próxima lexislatura

 

Baltar_presentación programa electoral eleccións municipais PP OUrense

O presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, presentou o primeiro programa electoral de ámbito provincial co que concorrerá ás eleccións do vindeiro 24 de maio, destacando á innovación, a xestión económica, o «goberno verde» e a interacción total coa cidadanía como eixos dunhas medidas que Baltar considera que afonda nas singularidades e oportunidades que ofrece a nosa provincia e que temos que potenciar para acadar maior desenvolvemento social e xerar máis emprego e benestar para os ourensáns e as ourensás».

Segundo informou hoxe o candidato popular «son 77 accións a realizar en 48 meses, baixo o lema «Ourense en futuro», dando prioridade á eficacia na xestión económica, á política de «goberno verde», á participación cidadá, ao termalismo e aos avances tecnolóxicos baseados no concepto de «Provincia intelixente. Todo elo baixo o denominador común da innovación e centrándonos en aqueles aspectos que poden achegar competitividade e modernidade á nosa provincia», dixo Manuel Baltar.

Os principios inspiradores do Plan Ourense 15-19, que ofrecen unha nova visión da provincia de Ourense baséanse, explica Manuel Baltar, «son unha continuación coherente do Plan Ourense 92 na nova lexislatura que estamos a piques de comezar. Nesta próxima etapa histórica, que remata coa celebración das eleccións locais -agardo que tamén provinciais- do domingo 26 de maio de 2019 debemos ter en conta dous importantes fitos: O Programa Europeo H2020 e a chegada a Alta Velocidade». Para o presidente provincial do PP «ambos aspectos, combinados e  enmarcados nunha estratexia provincial a medio e longo prazo poden xerar os suficientes elementos de valor que fagan da provincia un referente nacional e internacional».


DEPORTE, TURISMO E TECNOLOXÍA

Como exemplo cita o feito de potenciar actividades deportivas de alto nivel (baloncesto, automobilismo, piragüismo, fútbol…) «coas que pretendemos xerar sinerxias para que a través do deporte de base (escolas deportivas provinciais) poñamos a plataforma dun futuro provincial relacionado co deporte». Baltar subliña que os grandes eventos «proporcionan recursos económicos indirectos, e cunha estratexia provincial a medio e longo prazo queremos conseguir a captación de deportistas de alto nivel que axuden á xeración de novos deportistas provinciais».

No ámbito turístico, Manuel Baltar dixo que, co obxectivo posto na inmediata chegada do AVE, «estableceremos unha estratexia turística provincial para atraer un novo concepto de turismo. É o momento do turismo termal, do turismo cultural e do turismo de natureza».

Polo que respecta á tecnoloxía, Baltar afirma que un gran número de potencialidades «poden converter a provincia nunha zona de atracción e xeración de novos negocios tecnolóxicos. O sector das industrias culturais e creativas terá un importante protagonismo», e engade que coa colaboración activa da universidade «aproveitaremos o horizonte 2020 para captar e apoiar a xeradores de ideas e proxectos para que Ourense sexa un referente tecnolóxico».

INVESTIGACIÓN E DESENVOLVEMENTO

Un dos obxectivos que propón é promover un polo de actividade en I+D+i «coa participación de actores nacionais e internacionais para proxectar iniciativas empresariais coa lóxica creación de emprego».

O candidato do PPOU dixo que o horizonte 15-19 «será o momento da implantación do concepto de «Provincia Intelixente», «patentado» por este goberno provincial. Neste programa desenvolveranse aspectos como: Administración Electrónica Provincial, Intelixencia de Información Provincial e Toma de Decisións Intelixentes, todo elo cunha vertente irrenunciable de cooperación e asistencia ás entidades locais da provincia».

«E para que unha provincia funcione -afirma Manuel Baltar- é imprescindible a colaboración activa dos seus habitantes. Por iso estableceremos mecanismos de comunicación e participación cidadá, afondando nos que xa implementamos nos últimos anos». Asemade, Baltar considera fundamental accións que incidan no medio ambiente e no territorio como sector estratéxico de desenvolvemento. Neste senso subliña que utilizaremos as nosas peculiaridades «para xerar un novo modelo produtivo. Sexamos innovadores e cremos un novo sector que xere emprego e sirva de imaxe de marca que podamos exportar. A «MARCA OURENSE», e explicou que coa Axencia Provincial da Enerxía e do Medio Ambiente «colaboraremos tamén na creación de «emprego verde» ou «eco-emprego».


Captar poboación

O programa que presenta Manuel Baltar oriéntanse a un dos principais obxectivos provinciais: asentar e captar poboación. «Converter a Ourense nunha «provincia habitable» -opina- permitirá que nun horizonte próximo no que as distancias se reduzan, podamos captar poboación e incrementar o número de residentes na provincia, invertendo a tendencia histórica das últimas décadas», e citou como exemplo o que está a acontecer en Portland. «Esta cidade atrae moita xente con ideas de todo Estados Unidos, pois é unha cidade pequena, agradable e atractiva. Este modelo implementarémolo a nivel provincial aproveitando todas as potencialidades que temos».

As nove liñas de actuación nas que se divide o programa provincial de Manuel Baltar son: «Estrutura orgánica e reforma do regulamento. Recursos humanos», «Economía e facenda», «Medio ambiente», «Institucional e proxección exterior», «Cooperación cos concellos», «Benestar», «Infraestruturas», «Cultura e deportes» e «Inorde – Emprendemento».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar