A obra do poeta Manuel Rodríguez López chega á Casa de Galicia en Madrid

Manuel Rodríguez López_poeta lucense_2

Hai tres anos que GaliciaDigital emprendeu o que se denomina “Proxecto Manuel Rodríguez López” para rescatar a figura deste importante escritor nado en Paradela (Lugo), emigrante aos seis anos coa súa familia a Catalunya, e que chegou a ser a ponte perfecta entre os Galegos en Catalunya e a Galicia interior, a a través da súa poesía, da súa narrativa e das súas crónicas periodísticas.

A dicir de Méndez Ferrín na súa tese “De Pondal a Novoneyra”, é o máis importante poeta obreiro da Galicia da segunda metade do século XX. A súa poesía ten unha forza expresiva, froito do amor do autor por Galicia e o galego, e da súa experiencia como obreiro en Cataluña dos anos cincuenta, sesenta e setenta. Temas recorrentes son a terra, a emigración, o traballo, sempre na defensa dos máis humildes, dos máis desfavorecidos; sempre vivindo en Galicia -vivindo Galicia- aínda que residise en Catalunya. Os últimos anos da súa vida viviunos en Lugo, onde morreu o 13 de febreiro de 1990. Precisamente vimos de celebrar en Paradela, no Colexio Público ,cos alumnos do centro, os vintecinco anos da desaparición física deste paradelense ilustre ao que o Concello ten nomeado Fillo Predilecto, deu o seu nome á Casa da Cultura, e instituíu un Certame Literario (prosa e poesía) que está xa na súa XX edición, recibíndose preto de un milleiro de traballos de todo o mundo de fala castelán e galega.

PROSA, POESIA E XORNALISMO

Ademais das súas creacións en poesía e prosa, este autor ten un moi importante traballo xornalístico, difundindo especialmente en Galicia o traballo dos galegos no país catalán. Colaborador asiduo de El Ideal Gallego, El Progreso, Faro de Vigo e outros medios, as súas crónicas foron recollidas nos libros Galegos en Cataluña, I e II, e nelas se reflicte a constante presenza da cultura galega en Cataluña, tanto pola visita de galegos como (e de xeito especial) polo traballo das colectividades galegas en Catalunya. Membro do Centro Galego de Barcelona, foi o seu Cronista Oficial, deixando unha moi fonda lembranza que puido acreditarse na recente presenza desta exposición naquel Centro.

Se o Proxecto naceu inicialmente para solicitar a dedicación a este autor dun Día das Letras Galegas, leva xa funcionando tres anos difundindo a vida e obra deste autor, tendo como elemento esencial unha web (www.manuelrodriguezlopez.org) en castelán, galego, catalán e inglés, unha antoloxía poética, e esta exposición itinerante, formada por dezaseis paneis onde se reflicte o máis salientable da traxectoria vital e creativa deste autor.

INFORMACIÓN PARA OS VISITANTES

Os que acudan a visitar esta exposición recibirán cadanseu folleto no que se reflicten integramente os paneis da Mostra, co fin de que os interesados no tema poidan “levar para a casa” esta completa información sobre Manuel Rodríguez López.

O proxecto púxose en marcha en colaboración coa familia do escritor e o Concello de Paradela, con axuda da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia (Secretarías Xerais de Cultura e Política Lingüística), e da Vicepresidencia primeira da Deputación Provincial de Lugo, e a colaboración da Real Academia Galega, da que o seu Presidente dirixiu e prologa a Antoloxía Poética, que tamén se entregará gratuitamente aos visitantes á exposición.

A exposición “Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro” inaugúrase na Casa de Galicia en Madrid  hoxe,  mércores, ás sete da tarde, coa presencia do Delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega e do Alcalde de Paradela, José Manuel Mato Díaz.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto