Santiago de Compostela fomenta o turismo gastrómico

Hernández_Foro Turismo Gastronómico_2

O alcalde clausurou no Hotel Quinta da Auga o Foro Turismo Gastronómico, organizado por El Correo Gallego. Neste ámbito, Agustín Hernández puido reiterar a aposta municipal pola “gastronomía como atractivo turístico, dentro da estratexia de internacionalización constante da demanda turística da cidade”.
Hernández avalou esta consideración prioritaria nas políticas de promoción turística do Concello con cifras. Así, indicou que, no ano 2013, visitaron España 7,4 millóns de turistas internacionais que tiñan a gastronomía como principal motivo da súa viaxe, segundo datos de Turespaña, o que supón un aumento do 32% respecto a 2012. “Os datos correspondentes a 2014 non están aínda dispoñibles, pero todo parece indicar que a cifra continuou crecendo o ano pasado e seguirá aumentando nos próximos anos”, dixo .

Tamén se referiu ao gasto medio do turista gastronómico internacional en España nese ano 2013, de 1.170 euros por persoa, unha cifra superior ao gasto medio do turista tradicional, que se situou nese ano arredor dos 1.000 euros por persoa. Á vista destes datos, apuntou, “fomentar o turismo gastronómico é fomentar a internacionalización do sector turístico de Santiago de Compostela posibilitando que poidamos ter unha estrutura máis sólida e sostible, apoiada nunha demanda máis diversa e con maior gasto medio por persoa”.

 

Hernández_Foro Turismo Gastronómico_1

Esa aposta municipal concrétase na creación da marca Compostela Gastronómica, concibida, segundo Hernández, para “posicionar a cidade como destino gastronómico de referencia internacional e que, ao mesmo tempo, sirve de marca paraugas baixo á que organizamos diferentes eventos dirixidos a públicos diversos”.

Un exemplo deses eventos é a primeira edición de #ComposGastroBlog, unhas innovadoras xornadas de gastronomía e comunicación, e a segunda edición de Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, que do 16 ao 21 de abril “converterá a Santiago nunha festa dos nosos produtos, os nosos cociñeiros e a nosa cultura culinaria”.

O alcalde insistiu en que esta aposta pola gastronomía como atractivo turístico é “unha política meditada e reflexionada co sector, en contactos habituais con cociñeiros e profesionais do sector e coa propia Asociación Hostalería Compostela”. Pero ademais, engadiu, “é unha política que se complementa coa forte aposta que estamos facendo pola internacionalización do aeroporto de Santiago, encamiñada a que cada vez teñamos maior número de conexións directas cos nosos principais mercados turísticos”.

Polo tanto, dixo, “imos seguir nesa liña de promoción da oferta gastronómica en Santiago no pleno convencemento de que é un magnífico complemento para fortalecer o atractivo da cidade”, coa seguridade de que “estamos a promover o traballo cheo de creatividade e de dedicación de moitas persoas que día a día, dende a produción, pasando pola comercialización, a elaboración e o servizo, fan da gastronomía unha arte e unha fonte de riqueza da que se beneficia a propia cidade”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar