O Concello de Lugo traslada a sua web ao .gal

Web punto gal Concello de Lugo

O Concello de Lugo dispón dun novo portal web, www.lugo.gal, que entrou en servizo logo de varios meses de traballo que se centraron no redeseño completo da web municipal para facela máis accesible e conseguir que o seu mantemento resulte máis económico.

O servizo municipal de Informática, dependente da Concellería de Servizos Xerais, e a empresa adxudicataria da xestión da páxina web municipal traballaron nos últimos meses no deseño do novo portal web do Concello de Lugo que ten un novo dominio, lugo.gal, e na que se simplificou toda a arquitectura de software do sistema co obxectivo de facer unha web de acceso máis sinxelo para os cidadáns, que resulte máis barata de manter e, tamén, con novos contidos como pode ser a xeoreferenciación das instalacións municipais, xa que os distintos edificios municipais pódense localizar nun mapa de Lugo.

O xefe do servizo municipal de Informática, Eduardo Risco, explicou que a nova web municipal incorpora novas ferramentas para a busca de contidos, que facilitarán o acceso á información demandada, e tamén dispón doutras novidades como calendarios de eventos e está adaptada para o seu funcionamento en diferentes dispositivos: PCs, tabletas e smartphones, ademais de incorporar enlaces ás redes sociais.

A web www.lugo.gal é accesible en galego e castelán e tamén dispón dun sistema de tradución automática ó inglés, ademais de mellorar o sistema de lectura automática de contidos para invidentes nos tres idiomas: galego, castelán e inglés.

O novo portal web do Concello de Lugo é máis accesible e de fácil navegación, pódese acceder a todos os contidos con poucos clicks. Ademais, dispón dunha estrutura clara e mellora a súa apariencia.

Os distintos contidos son accesibles desde distintos puntos da web de forma moi intuitiva, cunha estrutura organizada por temas, en lugar de por concellerías, como sucedía no anterior portal.

Na parte superior da portada aparecen catro bloques diferenciados: Concello, Servizos, Turismo e lecer e Investir en Lugo. No slide ou franxa central aparecerá sempre un contido destacado e na parte dereita hai un espazo para que as persoas empadroadas en Lugo poidan rexistrarse, crear unha conta de correo electrónico para centralizar as súas xestións co Concello e dispor dunha clave de acceso para conexión á wifi municipal. A continuación sitúanse as pestañas de sede electrónica (onde se poden realizar trámites online ou acceder á carpeta cidadá), servizos (aquí atoparemos orientación laboral, 010, transparencia, normativa urbanística etc), centros municipais (apartado no que se organizan por áreas as distintas instalacións), temas (que se organizan en función da área municipal da que dependen) e colectivos (que agrupa a información en función dos intereses da cada un dos colectivos). A continuación aparece o bloque de actualidade, coas últimas novas publicadas. Na marxe dereita, no espazo “A un click” atopamos os botóns que dan acceso directo ás cuestións máis consultadas pola cidadanía e a teléfonos de interese. Na parte inferior da páxina sitúase a axenda de eventos e un directorio de centros xeoposicionados nun rueiro interactivo. No pé da páxina está o acceso a outras webs municipais e perfís sociais relacionados.

No bloque adicado ó Concello aparecen tanto a Alcaldía como as distintas Concellerías, que teñen unha zona propia para os seus servizos, datos de contacto e as novas que xenera cada área, ademais de incluir os botóns e eventos relacionados coas mesmas. Á marxe esquerda colgan os menús Qué facemos?, Centros e servizos, Publicacións, Preguntas frecuentes e Actualidade. Neste bloque tamén se inclúen a Corporación e os órganos de Goberno así como o apartado de Transparencia, no que se pon a disposición da cidadanía a información sobre contratacións, xestión municipal, todos os documentos que se publican, o acceso ós Plenos en vídeo mediante streaming, rexistro de intereses e retribucións dos membros da Corporación municipal. Toda esta información xa se facilitaba na anterior web pero en www.lugo.gal o acceso simplificouse.

A sección de Servizos contén a información ordenada alfabéticamente pero tamén dispón de filtros para facer buscas, por exemplo por palabras clave. Neste apartado dase acceso á sede electrónica, ó perfil do contratante e a todos os servizos que ofrece o Concello categorizados por orde alfabética, por tema, colectivo e tipo.

A web dispón tamén dunha sección de turismo e lecer, na que calquera persoa de Lugo ou que nos visite pode informarse dos distintos lugares de interese e tamén dos eventos que se celebran na nosa cidade.

A última sección chámase Investir en Lugo e nela recóllense distintas opcións que explican as vantaxes e posibilidades que ofrece a nosa cidade co fin de atraer investimentos.

O novo portal web do Concello de Lugo www.lugo.gal presenta melloras no relativo ó mantemento como pode ser a eliminación automática de contidos cando queden obsoletos, por exemplo unha vez celebrado un evento, e a súa xestión conleva un aforro económico estimado en máis de 35.000 euros anuais.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar