O Supremo desestima o recurso da Real Academia Galega sobre o plurilingüismo

Real Academia Galega_fachada

 

   O Tribunal Supremo (TS) desestimou o recurso presentado pola Real Academia Galega (RAG) contra o coñecido como Decreto do Plurilingüismo no ensino, norma que supuxo a introdución do inglés como lingua de impartición nos centros de Galicia xunto co galego e o castelán.

Segundo informou a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Supremo a suma así á doutrina ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) “avalando a legalidade” do citado decreto.

A Real Academia Galega (RAG) presentara un recurso de casación ante o Tribunal Supremo en marzo de 2013 contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre a norma que anulou parte de dous dos seus artigos.

Por iso e dado que este fallo só afectou á consulta vinculante aos pais sobre o uso do idioma e a libre elección na aula dos alumnos, sen afectar a outros apartados, a institución académica dirixida nese entón por Xosé Luis Méndez Ferrín decidiu acudir ao TS para pedir a “anulación total” da norma.

Así mesmo, a RAG solicitaba que se lle notificasen os procedementos normativos con incidencia no uso do galego e que se considerasen preceptivos os informes emitidos pola Academia respecto a eles.

Educación destaca que, sobre aspectos como a protección da lingua, a resolución do alto tribunal indica que “a atenta lectura do decreto recorrido non permite en modo ningún identificar en qué aspectos existe unha vulneración ou descoñecemento da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias de 1992”.

Así mesmo, o documento “coincide coa sala de instancias”, en referencia ao TSXG, “en canto a que a paridade horaria que o decreto establece ou a distribución de materias que contén non poden cualificarse como arbitrarias, ilóxicas ou contrarias ao Estatuto de Autonomía ou á Lei Galega de Normalización Lingüística”.

“SATISFACCIÓN” DA XUNTA

Dende a Xunta trasladaron a súa “satisfacción” tras coñecer o fallo do alto tribunal polo que “queda ratificada definitivamente a legalidade” do decreto do plurilingüismo, ao non estimar o recurso contencioso presentado pola RAG.

Así mesmo, indica que a sentenza “non recoñece, en ata catro referencias, o carácter de órgano consultivo que a Academia reclamaba para si”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar