Feijóo ve o decreto do galego “o máis avalado xurídicamente”

Fejóo_declaracións Normalización Lingüística

   O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este venres que o Decreto do Plurilingüísmo no ensino, coñecido como decreto do galego, é o documento destas características “máis visto pola xustiza” e “máis avalado” xuridicamente, polo que instou aos grupos políticos e organizacións sociais a “non seguir discutindo sobre aquilo que está ben feito”.

Así indicouno Núñez Feijóo, tras participar na inauguración dunha exposición en Santiago, a teor da sentenza do Tribunal Supremo coñecida este xoves, que desestima o recurso presentado pola Real Academia Galega (RAG) contra o Decreto do Plurilingüísmo no Ensino, norma que supuxo a introdución do inglés como lingua de impartición nos centros de Galicia xunto co galego e o castelán.

Nas súas declaracións, o presidente da Xunta instou a “tódolos actores” implicados e a todos aqueles que creen que “o galego é a lingua propia de Galicia e que hai que protexela” a “empezar de novo a construír sobre bases sólidas” as políticas lingüísticas.

Esa “base sólida”, explicou Núñez Feijóo, é precisamente o decreto do galego, que o Tribunal Supremo considera “conforme á constitución, conforme ao Estatuto de Autonomía e conforme á Lei de Normalización Lingúística”.

CONSENSO LINGÜÍSTICO

“Se este decreto é conforme ao ordenamento xurídico no seu conxunto e este decreto é un desenvolvemento legal da Lei de Normalización Lingüística que pactamos, responde ao consenso lingüístico que emana da Lei de Normalización Lingüística pactada entre todos os grupos”, resumiu Núñez Feijóo.

O xefe do Executivo galego confiou en que a sentenza do TS “veña a iniciar unha nova etapa” na que “seguir traballando” para demostrar que “utilizar o galego é útil” e consiga que “os que ata agora non estaban de acordo sexan capaces de aceptar” o fallo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar